martes. 23.04.2024
santi2
Os manifestantes acabaron por botarse á rúa e rodear ao Parlamento de Galicia.

YASMINA LÓPEZ (Enviada especial)

Eran pouco máis das cinco da tarde cando comezaba a chegar ao punto de partida o primeiro dos autobuses da expedición que saira de Verín pouco despois das nove e media da mañá. Atrás quedaban case oito horas dun viaxe de ida e volta con parada nas inmediacións do Pazo do Hórreo compostelán, onde se berrou, ben alto e claro, e coa compaña doutros colectivos irmáns como o da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Valdeorras, que Verín non se pecha.

O primeiro dos autobuses en chegar á capital compostelana fíxoo pasadas as 11:30 horas deste martes 17. Aparcou, como o resto, diante da estación do tren e, dende alí, logo de desembarcaren os viaxeiros dos 8 restantes, comezaron a percorrer, a berro limpo, os pouco máis de 200 metros que os separaban do obxectivo.

A mañá estaba fresca na capital. Pero os ánimos estaban quentes. Os folgos, intactos, e as ganas de dicirlle a Feijóo moi preto que nin o paridoiro nin o resto do hospital se pecha, tamén. Ante a previsible posibilidade de que a turba decidira acceder ao Pazo do Hórreo, a seguridade optou por pechar as cancelas e confinala, cal convictos, na beirarrúa de enfrente. Alí botaron pouco máis de media hora sin invadir a calzada. Pero foi inevitable. Logo de recibiren o apoio da práctica totalidade dos principais líderes da oposición no Parlamento -Caballero, Pontón ou Villares, entre outros-, a multitude botouse, literalmente, á rúa sin baixar un ápice o ton e a intensidade da protesta.

santi3Os manifestantes acabaron invadindo a rúa e berrando a carón das cancelas do Pazo do Hórreo. 

Rodearon cos berros a sede parlamentaria galega, quizás convencidos de que facer chegar as demandas polos catro puntos cardinais afondaría algo máis na crise na que se atopan o presidente e o seu conselleiro. O primeiro, Alberto Núñez Feijóo, mesmo acabaría declarando pouco despois que podería autorizar o uso do paridoiro pero baixo "a responsabilidade" das nais que así o solicitasen.

Ás dúas e media da tarde comezaban a viaxe de regreso. A pequena escala nunha área de servizo á altura da localidade pontevedresa de Silleda permitiu recuperar algo de forzas grazas aos xenerosos bocadillos proporcionados polo Restaurante Brasil de xeito totalmente gratuíto e refrescar a gorxa con agua de Cabreiroá, que tamén quixo arrimar o ombreiro cedendo caixas sin custe. 

santiNa área recreativa da autovía, á altura de Silleda, coméronse os bocadillos de Restaurante Brasil e bebeuse auga de Cabreiroá, todo de balde. 

Poucas eran as facianas de cansacio que se amosaban nada máis volver a pisar a pedra da praza do Concello. Máis ben, ao contrario. Ter viaxado a Santiago e facérense oír só valeu para teren, aínda máis claro e seguro, que Verín non se pecha

Os de Verín berraron alto e claro que o seu paridoiro non se pecha