a corporación aprobará, tamén, de xeito definitivo, o orzamento do 2019 e a liquidación do 2018

Mércores de cinza e San Antón, os festivos locais do vindeiro ano en Verín

Unha das recentes sesións plenarias na Corporación municipal verinense.
Pleno ordinario o que se vén de programar para este venres día 13 ás 9,30 horas, aberto, como todos, a todo o público que queira asistir. Ademais de dar conta dos festivos programados para o vindeiro ano 2020, a Corporación debatirá sobre as contas do 2018 e aprobará, de xeito definitivo, os orzamentos para o ano en curso. 

Todos os edís da Corporación municipal están mañá venres día 13 convocados a un pleno en sesión ordinaria, dende as 9,30 horas. De contido maioritariamente económico, os representantes da vontade popular aprobarán as datas dos festivos para o vindeiro ano 2020, que serán o 17 de xaneiro, tradicional festividade de San Antón; e a do 26 de febreiro, coincidindo coa celebración do Mércores de cinza e inmediatamente posterior ao martes de Entroido na vila. 

Ademais, someterase a aprobación definitiva o orzamento para o ano en curso 2019 e o grupo de Goberno municipal dará conta da liquidación do 2018, dos informes de intervención sobre o grao de cumprimento dos obxectivos de estabilidade orzamentaria, regra de gasto e sosteñibilidade financieira, e tamén dos informes de intervención sobre resolucións da alcaldía contrarias aos reparos de legalidade do exercicio 2018.