Menos o asasino, estaban todos os protagonistas nas III Xornadas de Novela Negra de Verín
Un xuíz, José Antonio Vázquez Taín. Un comisario, Enrique León. Un médico forense, Fernando Serrulla. Un xornalista, Xurxo Salgado. Un escritor, Pedro Feijóo. Unha ausencia destacada, o asasino –ou iso queremos pensar-. Como testemuña, un pobo unido pola cultura. Todos nun único escenario: o auditorio de Verín.
O corpo do delito: a Terceira Edición das Xornadas de Novela Negra organizada pola Biblioteca Pública Municipal de Verín.
Un interesante percorrido polas vivencias persoais e profesionais dun intrépido comisario que loitou contra o contrabando de tabaco e o narcotráfico –principalmente en Vilagarcía de Arousa- nunha época na que os medios e as leis eran os que eran. Nada máis e nada menos que o home que detivo, así coma se tal cousa, ao mesmísimo Sito Miñanco. Ese ao que a famosa serie Fariña ascendeu pouco menos que á categoría de heroe pero, como di Enrique León, non debemos esquecer que é un narcotraficante que se enriqueceu a conta de vidas alleas desfeitas e que, ao final, pasou no cárcere tres cuartas partes da súa vida.
E falando de vidas desfeitas, entrou en escena Fernando Serrulla, ¡e de que maneira! Facéndonos ver que a medicina forense vai moito máis alá da percepción que podemos ter dela; abríndonos as portas cara o complexo e apaixonante mundo da antropoloxía forense e todo o traballo e disciplina que existe detrás dela, descubrindo canto poden falar os ósos por nós e todos os avances que existen a día de hoxe nalgo tan esencial do traballo forense como é a identificación dunha persoa. Os forenses son, sen dúbida, heroes que se deixan a capa traballando detrás dunha investigación xudicial e pezas esenciais para un bo resultado –aínda que ás veces non resulte como gustaría por traballar cun alto grado de incerteza-.
Resultado que, ás veces, remata coa sentencia do xuíz –condenatoria ou non, segundo as probas-. Esa figura que sempre ten mil asuntos entre mans. Especialmente se estamos a falar de José Antonio Vázquez Taín, quen ademais de exercer coma xuíz escribe libros nos que, coma el mesmo di, intenta reflexar o hiperrealismo da sociedade. E a novela negra é a mellor forma para facelo, porque a través dela pódense mostrar as persoas sen careta, escravos dos sete pecados capitais: luxuria, gula, avaricia, pereza, ira, envexa e soberbia.
E precisamente, disto de mostrar as persoas sen careta a través das letras dun libro sabe ben Pedro Feijóo, con esa forma tan súa e particular de converter unha novela nun caramelo cun envoltorio feito a medida baixo o que agochar unha historia de fondo que é importante contar. Pero tan importante é contar, como documentarse para facelo. El mesmo confesa –e cun xuíz na sala- que se meteu na internet profunda (deep web) nalgunhas das súas investigacións e que, con todo, foi na internet que todos coñecemos (clear web) onde atopou os datos e imaxes máis arrepiantes.
En último lugar, remataron as xornadas cunha mesa redonda moderada por Xurxo Salgado -xornalista director de Galicia Confidencial- que, entre moitas curiosidades, anécdotas e aprendizaxes deixaron unha conclusión común: entre tanta mediatización o mundo do xornalismo, o policial, o forense e o xudicial débense respectar e trazar liñas esenciais de cooperación. Como a que se levou a cabo para que estas Xornadas de Novela Negra saíran adiante, nunha experiencia única e orixinal, que demostra –unha vez máis- que dende lugares pequenos tamén se poden facer grandes cousas.