Xoves. 28.03.2024
familia
No centro da imaxe, os protagonistas das III Xornadas de Novela Negra de Verín: o xuíz José Antonio Vázquez Taín (cuarto pola esquerda), o comisario Enrique León, o xornalista Xurxo Salgado, o escritor Pedro Feijóo e o antropólogo forense Fernando Serrulla, con representantes do grupo do Goberno municipal e os organizadores do evento. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

Un xuíz, José Antonio Vázquez Taín. Un comisario, Enrique León. Un médico forense, Fernando Serrulla. Un xornalista, Xurxo Salgado. Un escritor, Pedro Feijóo. Unha ausencia destacada, o asasino –ou iso queremos pensar-. Como testemuña, un pobo unido pola cultura. Todos nun único escenario: o auditorio de Verín.

O corpo do delito: a Terceira Edición das Xornadas de Novela Negra organizada pola Biblioteca Pública Municipal de Verín.

O auditorio estivo case ao completo no derradeiro día das III Xornadas de Novela Negra de Verín. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.O auditorio volveu a case encherse este sábado no derradeiro día das III Xornadas de Novela Negra de Verín. | FOTO: Xosé Lois Colmenero. 

Un interesante percorrido polas vivencias persoais e profesionais dun intrépido comisario que loitou contra o contrabando de tabaco e o narcotráfico –principalmente en Vilagarcía de Arousa- nunha época na que os medios e as leis eran os que eran. Nada máis e nada menos que o home que detivo, así coma se tal cousa, ao mesmísimo Sito Miñanco. Ese ao que a famosa serie Fariña ascendeu pouco menos que á categoría de heroe pero, como di Enrique León, non debemos esquecer que é un narcotraficante que se enriqueceu a conta de vidas alleas desfeitas e que, ao final, pasou no cárcere tres cuartas partes da súa vida.

E falando de vidas desfeitas, entrou en escena Fernando Serrulla, ¡e de que maneira! Facéndonos ver que a medicina forense vai moito máis alá da percepción que podemos ter dela; abríndonos as portas cara o complexo e apaixonante mundo da antropoloxía forense e todo o traballo e disciplina que existe detrás dela, descubrindo canto poden falar os ósos por nós e todos os avances que existen a día de hoxe nalgo tan esencial do traballo forense como é a identificación dunha persoa. Os forenses son, sen dúbida, heroes que se deixan a capa traballando detrás dunha investigación xudicial e pezas esenciais para un bo resultado –aínda que ás veces non resulte como gustaría por traballar cun alto grado de incerteza-.

Resultado que, ás veces, remata coa sentencia do xuíz –condenatoria ou non, segundo as probas-. Esa figura que sempre ten mil asuntos entre mans. Especialmente se estamos a falar de José Antonio Vázquez Taín, quen ademais de exercer coma xuíz escribe libros nos que, coma el mesmo di, intenta reflexar o hiperrealismo da sociedade. E a novela negra é a mellor forma para facelo, porque a través dela pódense mostrar as persoas sen careta, escravos dos sete pecados capitais: luxuria, gula, avaricia, pereza, ira, envexa e soberbia.

E precisamente, disto de mostrar as persoas sen careta a través das letras dun libro sabe ben Pedro Feijóo, con esa forma tan súa e particular de converter unha novela nun caramelo cun envoltorio feito a medida baixo o que agochar unha historia de fondo que é importante contar. Pero tan importante é contar, como documentarse para facelo. El mesmo confesa –e cun xuíz na sala- que se meteu na internet profunda (deep web) nalgunhas das súas investigacións e que, con todo, foi na internet que todos coñecemos (clear web) onde atopou os datos e imaxes máis arrepiantes.

En último lugar, remataron as xornadas cunha mesa redonda moderada por Xurxo Salgado -xornalista director de Galicia Confidencial- que, entre moitas curiosidades, anécdotas e aprendizaxes deixaron unha conclusión común: entre tanta mediatización o mundo do xornalismo, o policial, o forense e o xudicial débense respectar e trazar liñas esenciais de cooperación. Como a que se levou a cabo para que estas Xornadas de Novela Negra saíran adiante, nunha experiencia única e orixinal, que demostra –unha vez máis- que dende lugares pequenos tamén se poden facer grandes cousas.

Menos o asasino, estaban todos os protagonistas nas III Xornadas de Novela Negra de Verín