Medio Rural mobiliza 7,5 millóns para os afectados polos lumes do verán | NOTICIAS VERÍN
A Consellería do Medio Rural confirmou que, tras os incendios do pasado 2025, xa se aprobaron máis de 700 axudaspor un importe superior aos 7,5 millóns de euros. A titular, María José Gómez, realizou unha visita á comunidade de montes veciñais en man común de Barroso, en Avión, acompañada de Luisa Piñeiro, directora de Planificación e Ordenación Forestal; Manuel Pardo, delegado territorial da Xunta en Ourense; e Antonio Montero, alcalde de Avión.
Esta comunidade conta cunha achega de preto de 50.000 euros destinada a eliminar madeira non comercial queimada nunha superficie de máis de 45 hectáreas. Ademais, outras catro comunidades da zona reciben axudas que suman 117.000 euros. As subvencións inclúen gastos de corte, recollida e estelado da madeira queimada, así como traballos de sinalamento, cubicación e taxación de madeira comercial.
No ámbito forestal, existen achegas de ata 100.000 euros para plantacións substitutorias e de ata 15.000 euros para reparar infraestruturas privadas afectadas. Tamén se contemplan apoios de ata 50.000 euros para maquinaria e equipamento forestal danado durante a extinción dos incendios ou polo seu efecto.
En total, a consellería habilitou ata oito liñas de axuda, que poden cubrir o 100 % do investimento, con límites de ata 200.000 euros por beneficiario en determinados casos. Gómez destacou que o Goberno galego se mantén ao carón dos afectados “desde o primeiro momento” e que continuará traballando con intensidade nos próximos meses para mitigar as consecuencias destes incendios.