Todos os martes e xoves haberá unha actualización no seu Facebook dos artigos dispoñibles

Femuro venderá libros usados para financiar programas sociais de emerxencia na comarca

Persoal de Femuro seleccionando os artigos que este martes e xoves estarán á venda na súa conta de Facebook. | FOTO: Cedida.

Todos os martes e xoves, a asociación sube a Facebook libros de segunda man e artigos de artesanía realizados por mulleres.

A compra realizarase online para manter as máximas medidas de seguridade de cara á pandemia Covid: os artigos poderán atoparse na conta da Federación en Facebook, Femuro Ourense Verín.  

Os libros son doados por editoriais e empresas que queren colaborar coa causa e os artigos artesáns elabóranos mulleres voluntarias. Neste mercadillo solidario, a asociación tamén vende obxectos de decoración e as novidades que poidan ir cedendo empresas ou particulares. 

Femuro é unha organización que se adica a promover a igualdade de oportunidades e o desenvolvemento das mulleres rurais en todos os ámbitos, conseguindo que dispoñan da información suficiente para axudalas a desenvolver as súas capacidades sociais e económicas.

A loita pola erradicación da violencia sufrida pola muller e a súa inserción laboral son eixos do seu traballo, pero non son obxectivos exclusivos. Entre outras, achegan medidas gubernamentais ao rural ourensán para promocionar o seu coñecemento nas aldeas da comarca; outras veces, realizan iniciativas propias, como é o caso deste Mercadillo Solidario de Verán.