Dende a obra máis persoal do autor ata unha das máis polémicas

Descubrindo as dúas 'Mitades' do artista Fernando Barreira

O artista Fernando Barreira recíbenos no salón da súa casa, unha auténtica galería de arte. | FOTO: M. D.

Fernando Barreira é un home polifacético. Artista plástico, escultor, pintor, deseñador... Cunha ampla carreira internacional de 40 anos que o avala como un dos artistas máis recoñecidos de Galicia. Hoxe abriunos as portas da súa casa e pudemos descubrir máis aló do que ensina, as súas dúas 'Mitades': 56 anos como home e 40 como artista.

Entramos pola porta pensando en atopar unha casa típica pero nada máis lonxe da realidade. E é que un artista ten que vivir no que podería considerarse como unha galería de arte. Algo así é o seu espectacular salón que, baixo un manto de 'corais', digno do fondo mariño, nos recibe cunha luz tenue e un ambiente tranquilo. Na maioría de recunchos, obras da súa dilatada traxectoria. Noutros, obxectos máis persoais que non imos explicar aquí. Dun lado, un profesional serio, orgulloso da súa obra: Barreira. Doutro, un volcán de emocións e sentimentos: Fernandito

O peculiar salón de Barreira. | FOTO: M. D.

Dúas imaxes dunha mesma persoa que non todos coñecen. Desta idea naceu o que el mesmo cataloga, relaxado, sentado no seu sofá de catro metros, como "a obra máis importante da miña vida": Un libro, 'Mitades', que recolle a visión de 24 autores sobre a súa vida e obra e que foi presentado nun acto o pasado sábado no Auditorio de Verín. "Cheguei tarde por razóns de saúde pero, sen dúbida, foi a sobredose de felicidade máis grande da miña vida", conta, sorrindo.

Foi a sobredose de felicidade máis grande da miña vida (Fernando Barreira)

"Existe unha imaxe surrealista sobre min, por iso ideei este libro e quixen que estes artistas escribiran libremente. Eu non movín nin unha coma dos textos orixinais", insiste. E engade, moi emocionado: "Na vida non só existe unha verdade absoluta. Eu sei a miña verdade pero hai moitas distintas. Neste libro hai 24 verdades, é a verdade sobre min doutros, unha verdade que non coñecía, escóitome a min mesmo e aí dentro, hai cousas marabillosas".

Algo que quería ensinarlle ao mundo sen filtros, poñendo en valor a persoas que "sempre creron en min e fixeron que eu fose eu", conclúe, mentres nos adica un dos exclusivos exemplares. Exclusivos porque non existen máis de 250 que el mesmo deseñou e distribuíu. "Só o ten a xente que eu quero que o teña", engade. E, como non podía ser doutra maneira, igual que unha boneca rusa, 'Mitades' contén outras dúas metades no seu interior. Unha de pracer e outra de catarse. "Pensei en varias ocasións en non publicar esta obra por ser demasiado arriscada pero tamén é como espirse ao mundo. E eu, en certa forma, cando falo, íspome".

Dotado da súa natural personalidade, cunha copa de whisky Chivas nunha man e cun pitillo na outra, advirte de que se trata dun libro atípico, terapéutico, equiparable a calquera outra das súas obras de arte. "É como un cadro, seriado e certificado, pero nun formato moi novedoso dentro da miña traxectoria. Ten unha tipografía moi especial, unha distribución distinta e todo está escrito en minúscula. É especial", conta o autor.

Os proxectos do presente

Un deses 24 textos de opinión vén da man do seu bo amigo David Penín, que nos agardaba xunto a el. "Escribin sobre Fernando e a espiritualidade. A xente ten unha idea distinta de Fernando, pero é moi espiritual. Eu son sacerdote e, ás veces, non lles cadra que sexamos amigos. No fondo, é un crente aínda que nada convencional. Sobre todo, teño que destacar que é extremadamente solidario sen esperar nada a cambio. Ten un corazón demasiado grande", conta.

É precisamente el, o párroco dunha das localidades onde Fernando Barreira pasou gran parte dos últimos tres anos, Bousés (Oímbra). Lugar no que o artista está a intervir unha das capelas auxiliares da igrexa parroquial, que estaba "moi desamortizada", segundo conta Penín, e que previsiblemente será presentada de forma oficial aos veciños o vindeiro 20 de agosto. "David fíxose cunha cornucopia da miña propiedade e colocouna na igrexa de Bousés. Un día fun contemplala e pareceume que era un lugar precioso pero moi pouco aproveitado. Ofrecinlle a miña axuda desinteresada para redecorala e el aceptou", explica Fernando, quen correu con tódolos gastos para este fin.

Estado actual da 'Capela Barreira', na igrexa parroquial de Bousés. | FOTO: M. D.

"É algo que me reconforta e me satisface, que me fai esquecer os meus problemas. Cando remate vou doar a propiedade durante 50 anos aos veciños de Bousés para que o sintan como seu", engade. 

Un asunto que non está exento de polémica nas redes sociais, onde foi atacado por un presunto "deterioro do patrimonio histórico". Algo que o artista decidiu aclarar pola mesma vía. "Absolutamente todo é flotante, nada invasivo. Se queren, mañá mesmo podería retirarse todo e quedaría exactamente igual. Restaurar é unha cousa, intervir outra. Eu non son restaurador. Outra cousa é que guste ou non". Por outra banda, tal e como declarou a Diario do Támega, "non existe relación entre o Altar Maior e esta 'Capela Barreira'. Son diferentes espazos e o primeiro, nunca se tocou. O que se está a acondicionar é a capela auxiliar. Non debería haber confusión porque son estilos totalmente distintos", conclúe, dando o tema por resolto.

O Altar Maior da igrexa de Bousés. | FOTO: M. D.

Polo momento, vai seguir inmerso no remate da 'Capela Barreira' e non quixo desvelar ningún detalle acerca de próximos proxectos, aínda que si admitiu ter varios entre mans. "Xa chos contarei", engade, mentres ri.