sábado. 20.04.2024
A grande mobilización social ante o peche de servizos en Verín converten á vila no epicentro das protestas ante o deterioro da sanidade pública

Centos de persoas sairán de Verín cara Compostela para berrar #VerínNonSePecha

Ós 7 autobuses que sairán dende Verín, uniránselles dous máis dende A Mezquita e numerosos vehículos particulares. Tanto SOS Sanidade Pública como a Marcha Mundial das Mulleres apoian a protesta fronte ó Parlamento Galego polo peche de servicios sanitarios no Hospital de Verín. Galegas 8M anuncia que a mobilización nacional previa ó 8 de marzo, Día Internacional da Muller, se celebrará en Verín.

VerínNonSePecha
Traballadores e veciños no encerro que manteñen no Hospital de Verín.

A cidadanía da bisbarra non acouga e segue coas mobilizacións de protesta ante o desmantelamento de servizos no Hospital de Verín. O peche das urxencias pediátricas e do paridoiro foi a pinga que colmou a paciencia da veciñanza e o inicio dunha masiva mobilización social que nunca se vira na contorna.

Unha vez máis, centos de veciños e veciñas únense para loitar polo que consideran o seu dereito: a reapertura dos servicios sanitarios cancelados no Hospital de Verín por orde do SERGAS. Mañá, a partir das 9:00 horas, comezarán a fletar a caravana de autobuses que viaxarán dende a bisbarra cara Compostela para protestar ante as portas do Parlamento de Galicia.

Serán 7 os autobuses que saian dende a Praza do Concello de Verín. A estes, sumaránselles dous máis que virán dende A Mezquita. Está previsto que fagan parada en Ourense, no Couto, para recoller máis xente que apoia a mobilización. E son moitos os que van ir con vehículos particulares cara a capital galega.

Numerosas organizacións sociais están a amosar o seu apoio á protesta verinesa. Tanto a Marcha Mundial das Mulleres como SOS Sanidade Pública xa manifestaron o seu "apoio á mobilización social e profesional tras o anuncio do peche do paridoiro e das urxencias pediátricas do Hospital de Verín". Motivo polo que participarán activamente na protesta de mañá, martes 17 de decembro, ante o Parlamento Galego, en Santiago.

A vila, epicentro da mobilización social ante o peche de servicios na Sanidade Pública

O clamor popular na bisbarra ante o contínuo peche de servicios sanitarios no Hospital de Verín foi tal que a vila se converteu na punta de lanza da mobilización en defensa da sanidade pública galega, recibindo apoios dende todas as bisbarras e, mesmo, dende o Hospital La Paz de Madrid.

A pasada semana celebrábase unha asamblea, no Auditorio da vila, á que asistían representantes de numerosas plataformas de defensa da sanidade pública para mostrar o seu apoio á veciñanza de Verín e acordar que se organizaría unha gran mobilización conxunta en Compostela.

hospital auditorioAsamblea das plataformas en defensa da Sanidade Pública coa veciñanza de Verín, no Auditorio da vila o pasado luns.

Hoxe mesmo, SOS Sanidade Pública, a entidade que aglutina ás plataformas comarcais de defensa da Sanidade Pública, anunciaba que a data escollida para a gran manifestación que se celebrará na capital de Galicia quedaba fixada para o vindeiro 9 de febreiro. Unha mobilización para protestar "contra o desmantelamento dos hospitais comarcais de Galicia, o deterioro da atención primaria e a precariedade laboral do persoal sanitario" e para defender unha sanidade pública e de calidade en todo o territorio galego.

Mobilización nacional do Día Internacional da Muller en Verín

Tamén hoxe, Galegas 8M, a plataforma na que se organiza o feminismo galego para reivindicar o Día Internacional da Muller (8 de marzo), anunciaba que Verín é a localidade escollida para a gran manifestación nacional do 2020 previa ó 8M. Un día de mobilización en prol dos dereitos da muller que traerá a Verín a todo o feminismo galego. Será o domingo, 1 de marzo.

8M2020_anuncio_maninacional_verin_Galegas8M

Según manifestaban esta mañá dende Galegas 8M: "A loita en Verín polo peche do paridoiro representa a loita pola dignificación dos coidados, dos dereitos sexuais e reprodutivos, dos servizos públicos; a loita contra a dispersión da poboación e o despoboamento do rural, e contra a violencia obstétrica. A loita por unha vida digna para as mulleres e as crianzas. É unha loita pola vida".

Centos de persoas sairán de Verín cara Compostela para berrar #VerínNonSePecha