domingo 08.12.2019
Presentación do libro "D. Xesús Taboada Chivite: Dende o seu fisterre tamagán"

Lorena Carnero: "A curiosidade é boa compañeira"

Este venres, 22 de novembro, no salón de actos da Casa de Cultura de Verín, ás 19:30 horas, realizarase a presentación do libro D. Xesús Taboada Chivite: Dende o seu fisterre tamagán, de Lorena Carnero, unha moza de Verín que se estrea como escritora.

D. Xesús Taboada Chivite: dende o seu fisterre tamagán, de Lorena Carnero.
D. Xesús Taboada Chivite: dende o seu fisterre tamagán, de Lorena Carnero.

Xesús Taboada Chivite foi un arqueólogo, historiador, etnógrafo e profesor nado en Verín, ao que Lorena Carnero Pérez lle rinde homenaxe coa súa obra D. Xesús Taboada Chivite: Dende o seu fisterre tamagán. Ela naceu en Verín no ano 1995 e graduouse en Dereito e en Administración de empresas. Dende fai máis de 10 anos é Voluntaria da Biblioteca Pública Municipal de Verín, e este ano, asumiu o reto proposto polo persoal da Biblioteca de Verín de crear esta obra en homenaxe a D. Xesús Taboada Chivite.

Tras horas e horas de traballo, este venres, 22 de novembro, ás 19:30 horas, no salón de actos da Casa de Cultura de Verín, será a presentación da obra, editada pola Biblioteca de Verín. D. Xesús Taboada Chivite: Dende o seu fisterre tamagán recolle todo o conxunto de artigos publicados en revistas especializadas por D. Xesús ao longo da súa vida, cunha pequena e axeitada biografía intimista e relacionado todo coa correspondencia recibida e enviada entre D. Xesús e os seus coetáneos.

O acto de presentación contará coa presenza do Dtor. do Museo do Pobo Galego, Manuel Vilar. Como apertura proxectarase unha filmación inédita na que D. Xaquín Lorenzo (Xocas) fala do seu amigo, e compañeiro en multitude de publicacións, D. Xesús Taboada Chivite. Este vídeo foi realizado por D. Xerardo Dasairas nunha entrevista realizada no despacho de Xaquín Lorenzo na década dos oitenta.

Lorena Carnero, autora de D. Xesús Taboada Chivite: Dende o seu fisterre tamagán.

- A pesar de que leva sendo voluntaria da Biblioteca de Verín máis de 10 anos, soa raro que, tras graduarse en Dereito e en Administración de empresas, se aventurara a escribir un libro sobre Xesús Taboada Chivite. Por que?

Supoño que ten que ver con que, como na vida, hai un momento para todo e as mellores cousas aparecen así, sen buscalas; concretamente dunha intensa conversa con Aurora e Vicente –persoal da Biblioteca de Verín- sobre a figura de D. Xesús. Quizais, tamén, porque era unha especie de débeda pendente con quen lle deu nome ao instituto no que aprendín a pensar e ser autocrítica durante seis anos. E sobre todo, porque creo que vemos o mundo segundo o que levamos dentro e canto máis levemos, máis mundos veremos. Por iso sempre me aventurei en proxectos moi diferentes. A curiosidade é boa compañeira.

- O libro, ao recoller artigos de Taboada Chivite, e datos biográficos xunto con correspondencia, tivo que supoñer horas e horas de traballo? Como foi esa labor?

A verdade é que si. Foron moitísimas horas as que pasei na sala do fondo local da Biblioteca de Verín –tamén outras tantas na casa- envolta en documentos, artigos, separatas, recortes de prensa, fotografías, correspondencia privada e ata libretiñas antigas con anotacións do propio D. Xesús.

Nun primeiro momento comecei a ler sobre a súa vida e a falar con moitas persoas para entender quen era Taboada. Despois elaborei un inventario con todos os seus traballos para xuntalos, xa que a maioría atopábanse espallados por diferentes puntos do mapa. Reunidos, dixitalicei os máis de noventa estudos de D. Xesús, que son os que se recollen neste libro. Namentres fun lendo as cartas que se enviaba con D. Vicente Risco, D. Ramón Otero Pedrayo, D. Xoaquín Lorenzo, e tantos outros dos seus coetáneos ata formar unha historia, a que no libro se conta.

- Que é o que se leva do tempo e traballo empregados neste proxecto?

Lévome, ante todo, a D. Xesús Taboada Chivite.

Lévome a todas as persoas que me achegaron á súa figura. Tamén o esforzo, a responsabilidade e o rigor dun proxecto destas características. E lévome, por suposto, unha ensinanza: na vida o máis importante é ser boa persoa, poñerlle intensidade, paixón e implicación a calquera cousa que fagamos e, sobre todo, ter curiosidade sabendo que é moito o que ignoramos.

- Ao traballar neste libro, acharía facetas ou datos que descoñecía da vida de Taboada Chivite. Que foi o que máis lle abraiou?

De todo o que descubrín durante este proxecto –que foi moito-  creo que salientaría dúas cousas. A primeira, que Taboada foi un investigador prolífero cunha obra que conta con máis dunha centena de traballos sobre arqueoloxía, etnografía, historia e folclore, principalmente. A segunda, sen dúbida, moito máis persoal e que me chegou ao corazón: o brillo nos ollos, os sorrisos nostálxicos, o agarimo na voz... de todas e cada unha das persoas que me achegaron á figura de D. Xesús. Todas coincidindo na súa xenerosidade, humildade, implicación, paixón e, sobre todo, no seu orgullo polo seu fisterre tamagán: Verín.

- Que é o máis positivo do resultado do libro? E o máis negativo?

Creo que, sen dúbida, o máis positivo deste libro é que se está a falar de Taboada Chivite: recordo para algunhas persoas, descubrimento para outras tantas. El dicía que “o pasado nunca morre definitivamente”, así que penso que sempre é unha boa oportunidade para un encontro co noso pasado. Ademais, outro dos puntos positivos ten relación coa investigación, xa que ao conter a unificación da súa obra será un instrumento práctico e útil para calquera persoa interesada nos seus sectores de traballo –arqueoloxía, historia e etnografía, entre outros-.

En canto ao máis negativo, supoño que o feito de que non se levara a cabo un proxecto así antes. Pero todo ten o seu momento, e quizais esta era o seu.

- Cales foron as persoas que máis a axudaron e apoiaron nesta aventura?

Síntome moi afortunada porque foron moitísimas as persoas que estiveron para min neste tempo. Especialmente,  Aurora e Vicente –persoal da biblioteca- pola súa confianza e amizade; Xesús Taboada Cid –fillo de D. Xesús- polo seu cariño e apoio incondicional; Xerardo Dasairas –biógrafo de Taboada Chivite- polo seu coñecemento e xenerosidade; Francisco Fariña Busto -exdirector do Museo Arqueolóxico de Ourense- pola paciencia e as ensinanzas; Corona Meixeira, Ana Pérez e Roberto Verino -exalumnos de Taboada- por achegarme con tanta paixón á figura de seu mestre; a Noe e Samanta pola xenerosidade e implicación na revisión. E, por suposto, á miña familia, que me permitiu que Taboada sentase á mesa para cear con nós unhas cantas noites.

- Este venres é a presentación do libro, e D. Xaquín Lorenzo e D. Xerardo Dasairas xogan un papel importante. Cal foi a súa aportación no libro e na historia de Chivite?

Eles non só aportaron, eles son parte necesaria deste libro.

Por un lado, D. Xoaquín Lorenzo, por ser ese amigo e irmán que agardaba con ilusión o día en que levaría do brazo a Taboada no seu ingreso na Real Academia Galega, feito que xa o di todo sobre a súa irmandade.

Por outro lado, D. Xerardo Dasairas, polo seu coñecemento, pola magnífica biografía de Xesús Taboada Chivite na editorial Ir Indo, e por esa sentida descrición que tanto me transmitiu sobre o día da morte de D. Xesús: “Era unha tarde cincenta e poallenta cun premonitorio neboeiro envolvendo a egrexia silueta de Monterrei, cal se a natureza presentise a dor e o loito”.

- E sobre o futuro,  que deparará? Este será o primeiro de outros libros, ou adicarase ao Dereito e a Administración de empresas?

Unha vez lin algo así como: “Que non che obsesione tanto onde queres estar e desfruta onde estás agora”.  E iso fago, prefiro vivir no presente e desacelerar de cando en vez. Ás veces imos ca quinta metida sen darnos conta de que a intensidade está na primeira.  Así que o futuro non sei que me deparará, pero mentres vou gozar de onde estou agora. 

Lorena Carnero: "A curiosidade é boa compañeira"
comentarios