martes 23.07.2019
O taller é gratuito e será ás 19:30 h

Literatura e empoderamento feminino este mércores na Biblioteca Municipal de Verín

O evento tentará dar as claves do empoderamento - que pretende dar as claves, coñecemento e ferramentas a grupos desfavorecidos para adquirir poder - a través da legalidade e da literatura.

Cartel do evento. Fonte: Carlos Montero.
Cartel do evento. Fonte: Carlos Montero.

O mércores 26 de xuño terá lugar na Biblioteca Municipal de Verín o taller "A literatura como unha ferramenta de empoderamento para as mulleres", ás 19:30 h.

No taller farase un recorrido pola lexislación sobre a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, así coma un achegamento á temática dende un punto de vista literario, considerando os libros coma unha ferramenta de empoderamento. A xornada rematará recomendando algunhas lecturas pertencentes a esta temática. 

Esta actividade foi financiada polo Concello de Verín con fondos destinados ao cumprimento do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e dinamizado polo C.I.M da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Verín.

O Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero pon a disposición dos concellos estas axudas para realizar diferentes actividades, coma campañas de sensibilización e prevención de calquera forma de violencia contra a muller, reforzar os servizos municipais de atención e información a vítimas; formación especializada continuada de profesionais do ámbito local que promocionen información, asesoramento xurídico, atención psicolóxica, apoio social, na inserción laboral ou educativo, entre outras. A cuantía destinada ao Concello de Verín é de 3.189,02 euros.

Para reservar praza para o taller poderase chamar ao número 988411314 ou enviar un correo electrónico á dirección [email protected]

Literatura e empoderamento feminino este mércores na Biblioteca Municipal de Verín
comentarios