sábado. 20.04.2024
máscara3
As, ata o de agora, 11 impresoras en 3D xa produciron unhas 150 máscaras protectoras.

Non son como Guardiola ou Messi, que cacarearon aos catro ventos as súas doazóns. Insiste o coordinador do grupo, que quere permanecer no máis absoluto anonimato, aínda que moitos xa saben quen é, que "este é un traballo colectivo no que estamos implicadas moitas persoas, o importante é o ánimo de colaboración e poder dotar, na medida das posibilidades, a aqueles centros e institucións que o precisen dun material do que podo comprobar están moi escasos", sinala.

máscara2Velaí o resultado, a falta de que se lle incorpore a goma para que poida axustarse.

Si insiste o noso colaborador que o comercio local se está implicando de xeito "total na iniciativa. Hai establecementos que están cedendo o acetato de PVC que se usa para a parte frontal da máscara; outros apoian coa loxística; Aever (asociación de empresarios de Verín) estase facendo cargo da adquisición do pla, o material que utilizamos para facer a visera que se inserta na cabeza", apunta.

Arestora son 11 as que están a funcionar, hai incluso quen ten tres na súa vivenda traballando arreo

Os verdadeiros protagonistas son, sen dúbida, os propietarios das diferentes impresoras en tres dimensións que as están pondo á disposición da acción colaborativa de xeito desinteresado. Arestora son 11 as que están a funcionar, hai incluso quen ten tres na súa vivenda traballando arreo. Construír unha pantalla protectora que pode ser reutilizada logo de ser desinfectada leva entre unha e tres horas, dependendo da eficiencia da impresora e "da súa antigüidade", di o noso interlocutor. 

Saen por día arredor de 25 pantallas, a produción destes últimos e primeiros cinco días traballando achégase ás 150 unidades. O Hospital de Verín xa recibíu algunhas, pero tamén locen estas proteccións traballadores das residencias de anciáns, persoal de Protección Civil dos diferentes concellos da comarca ou mesmo sanitarios e técnicos dos servizos de emerxencias. 

Non son os únicos que están a traballar na produción delas. Varios centros educativos da comarca, ou ben cederon as súas impresoras para que as manexen, ou están eles mesmos producindo tamén proteccións.

É impresionante ver a dificultade que teñen os nosos profesionais sanitarios, e aqueles que non o son pero tamén están protexéndonos, para facerse con material que lles impida ser vítimas do andazo

Algo no que si nos insiste un dos coordinadores dese grupo de persoas de toda a vila é que "se precisa moito material, é impresionante ver a dificultade que teñen os nosos profesionais sanitarios, e aqueles que non o son pero tamén están protexéndonos, para facerse con material que lles impida ser vítimas do andazo. Por iso que toda a colaboración que se poida recibir, será benvida", di este home.

Xa saben, se queren sumarse a este grupo de produtores de máscaras en serie, e en serio, só teñen que remitir un correo electrónico a [email protected]Responderán a maior brevidade, seguro. 

Un grupo de persoas, apoiadas por comerciantes da vila e Aever, xa fabricaron 150...