O Hospital de Verín reduce o consumo de auga coa captación de pluviais
O Hospital Público de Verín está a liderar o camiño cara á sustentabilidade no ámbito sanitario galego. O centro foi elixido como escenario dunha actuación piloto dentro do proxecto europeo Life Resystal, que busca mellorar a resiliencia climática das infraestruturas sanitarias fronte a episodios meteorolóxicos extremos.
A intervención específica en Verín céntrase na xestión eficiente da auga, aproveitando os recursos naturais para reducir a pegada hídrica. Para elo, estase a instalar un sistema avanzado de recollida e aproveitamento de augas pluviais, dotado dun depósito de 50.000 litros de capacidade. Esta infraestrutura asegurará o mantemento das zonas verdes do hospital, incluso durante períodos prolongados de seca, contribuíndo á eficiencia hídrica, á sustentabilidade ambiental do complexo e á reducción do consumo de auga potable.
As actuacións inclúen tamén a análise detallada dos riscos climáticos específicos do hospital -como ondas de calor, inundacións ou incendios- mediante unha “caixa de ferramentas” desenvolvida polos socios técnicos europeos. Este recurso permite avaliar impactos económicos, priorizar accións e orientar as decisións de investimento cara a solucións máis sostibles e resilientes.
O subdirector de Recursos Económicos da Área Sanitaria de Ourense, Xavier Conde Novoa, subliñou a importancia deste proxecto para o futuro da infraestrutura sanitaria: "O Life Resystal permítenos anticiparnos aos retos climáticos e adaptar os hospitais a un contexto cada vez máis esixente. É unha oportunidade para modernizar os nosos centros e facer máis eficiente o uso dos recursos, sempre ao servizo da cidadanía".
O Proxecto Life Resystal e outras iniciativas
O proxecto LIFE RESYSTAL, liderado por Grecia e coa participación do Sergas, ten como obxectivo fundamental dotar aos sistemas de saúde europeos dun marco común de adaptación ao cambio climático. A iniciativa busca incrementar a eficiencia enerxética e a sustentabilidade das infraestruturas sanitarias en toda Europa.
O programa, cofinanciado ao 55% pola UE, está a permitir introducir solucións innovadoras que facilitan a adaptación dos hospitais aos desafíos derivados do cambio climático. Ademais da captación de pluviais en Verín, outras intervencións ambientais previstas nos hospitais galegos inclúen:
- Reutilización de augas grises: coa adaptación das instalacións para empregar a auga de duchas e lavabos nas descargas dos inodoros, o que permitirá unha redución significativa do consumo de auga potable.
- Corredores e paredes verdes: para contribuír á redución da temperatura interior.
- Cubertas vexetais: como a prevista no Hospital Público de Valdeorras, para mellorar o illamento térmico e reducir a contaminación.
- Repoboación e plantación de árbores: co fin de crear máis sombras e absorber dióxido de carbono.
O persoal da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras participou activamente na validación das ferramentas e protocolos creados no proxecto, asegurando que se axusten ás necesidades reais dos centros e poidan ser aplicados de maneira efectiva. O proxecto, que está a ser desenvolvido na provincia de Ourense como unha experiencia piloto, vai supoñer un antes e un despois para o sistema sanitario público galego. Todo o material xerado polo Life Resystal estará dispoñible de forma gratuíta para o SERGAS, facilitando a súa implantación noutros hospitais da comunidade e situando ao sistema sanitario galego na vangarda da adaptación climática a nivel europeo.
Estas accións enmárcanse no compromiso do Servizo Galego de Saúde (Sergas) de facer de Galicia un territorio climáticamente neutro co obxectivo de acadar as cero emisións no ano 2040. O Sergas prevé que esta experiencia piloto que se está levando a cabo na provincia de Ourense sirva como modelo para o conxunto das infraestruturas sanitarias galegas a partir de 2025.