O Hospital de Verín recibe almofadas solidarias para as pacientes operadas de cancro de mama
O Hospital Público de Verín convértese en punto de entrega dun proxecto de solidariedade cargado de significado. Un total de 30 almofadas do corazón foron entregadas recentemente no centro, marcando a primeira vez que esta iniciativa chega á comarca. Os coxíns son repartidos entre todas as pacientes intervidas de cancro de mama cunha dobre función: mitigar a dor física e tecer unha rede de apoio emocional.
A almofada do corazón é un coxín ergonómico especialmente deseñado para as pacientes que sufriron unha mastectomía e, nalgúns casos, a extirpación dos ganglios. A súa característica forma de corazón cunha V pronunciada axusta con precisión debaixo do brazo do lado operado, ofrecendo un alivio crucial no postoperatorio.
As 30 almofadas entregadas no Hospital de Verín (replicando o proxecto xa asentado no Hospital de Ourense) foron confeccionadas por 35 voluntarias do obradoiro solidario do Espazo +60 de Afundación de Ourense, quen se reúnen semanalmente para esta causa. "Os materiais para confeccionalas son doados por socios do centro e polo comercio local", explica Jennifer Chamadoira, responsable do Espazo +60, subliñando o carácter comunitario do proxecto. Xa nos hospitais, as enfermeiras son as encargadas de entregar o coxín ás pacientes, asegurando o seu valor emocional absoluto ao ser as persoas que se encargan de coidar ás doentes.
"Neste obradoiro de voluntarias", continúa Jeniffer Chamadoira, "tamén se están elaborando bolsos, manteis e accesorios decorativos de nadal para vender no mercadiño solidario e recaudar fondos para a AECC".
Orixe americana e expansión a Galicia
O proxecto da "Almofada do Corazón" naceu en 2001 no servizo de oncoloxía do Hospital Erlanger Medical Center de Chattanooga (Tennessee, Estados Unidos). A enfermeira Janet Kramer-Mai foi operada de cancro de mama, e tres das súas tías coseron unha almofada para que lle dese alivio. O coxín axustábase confortablemente debaixo do brazo, reducindo a dor e protexendo o edema, polo que Janet introduciu o seu uso no hospital. A idea estendeuse despois por Dinamarca a través de Nancy Friis Jensen e chegou a España grazas a María José Loly de Cooman (Micky), quen a través de Internet deu co proxecto e comezou a introducilo nas illas Baleares e, posteriormente, no resto do territorio español.