O Hospital de Verín automatizará o seu servizo de Farmacia para gañar eficiencia e seguridade | NOTICIAS VERÍN
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Sanidade, vén de publicar a licitación para adquirir equipamento de farmacia que modernizará os servizos dos hospitais comarcais, incluído o Hospital de Verín. O investimento total ascende a 2.422.323 euros e forma parte do plan de robotización e optimización da dispensación de medicamentos do Servizo Galego de Saúde. Esta actuación en Verín e outros seis centros busca mellorar a eficiencia loxística, a trazabilidade e a seguridade na xestión de medicamentos.
O novo equipamento inclúe sistemas automatizados de almacenamento tipo carrusel vertical, que optimizarán o espazo físico e axilizarán a preparación de pedidos, mellorando o control do stock. Ademais, instalaranse sistemas automáticos de dispensación robotizados nas unidades de enfermaría, garantindo o acceso seguro e controlado á medicación prescrita para cada paciente.
A implementación destas solucións supón unha vantaxe crucial para os profesionais do Hospital de Verín, xa que libera recursos humanos de tarefas loxísticas repetitivas, permitindo ao persoal de farmacia e enfermaría dedicarse a actividades de maior valor clínico e asistencial.