Venres. 29.03.2024
Gerardo Seoane
Gerardo Seoane, alcalde de Verín, acompañado por Juan Carlos Francisco.

O alcalde de Verín, Gerardo Seoane, compareceu este xoves acompañado polo parlamentario do PSdeG e voceiro do Economía da súa formación, o verinense Juan Carlos Francisco, en rolda de prensa e na enésima chamada de atención que fan, desta vez xuntos, á Xunta de Galicia para lograr que o Goberno autonómico reinicie a urbanización do polígono de Tamagos que leva parada dende a época da presidencia galega de Pérez Touriño.

Logo da exposición de motivos que fixo Juan Carlos Francisco, resumindo parte de pregunta presentada para o seu debate na Cámara autonómica, esixindo un compromiso claro coa comarca en materia industrial, compareceu o rexedor para insistir na opción que dende o Concello de Verín se lle proporcionou á Xunta de Galicia: "Nós estamos dispostos a colaborar, así llo fixemos saber cun documento que teñen enriba da mesa e no que nos comprometiamos a mercar uns 200.000 metros cadrados nunhas condicións asumibles para o Concello. En Pazos, o chamado solo finalista, ese no que xa se pode levantar unha industria mañá mesmo, son só uns sete ou oito mil metros cadrados. O resto, é solo calificado, uns 60.000 metros cadrados, que ten a mesma condición co solo de Tamagos, coa desvantaxe de que en Pazos é solo inundable que obriga ás empresas a unha maior inversión á hora de establecerse", explicou o alcalde Gerardo Seoane. 

Polígono industrial de TamagosXestas e toxos diante do cartel do polígono de Tamagos. | FOTO: Xosé Lois Colmenero. 

O primeiro edil amosouse conciliador e disposto "a negociar coa Xunta, porque as Administracións non teñen por que andar competindo entre elas, é algo que non está ben visto pola xente", pero si se declarou convencido de "que se non chegamos a un acordo, o Concello está en disposición de pór, non moi lonxe dalí e nuns terreos de empresarios que están dispostos a colaborar, unha superficie industrial que cubra as necesidades, reais, que temos de solo industrial de calidade e ben comunicado", apuntou, en referencia a unha zona ubicada a carón da estrada que comunica a A-52 co municipio de Oímbra. 

Terrenos nuevo polígono de VerínTerreos nos que o Concello de Verín estuda levantar o seu propio polígono. | FOTO: Xosé Lois Colmenero. 

"Iso no quere dicir que esquezamos Pazos"

Gerardo Seoane afirmou que apostar polo polígono de Tamagos "non implica que nos esquezamos do de Pazos nin das industrias alí establecidas. O meu Goberno investirá alí, na nova ponte, o novo acceso ao parque, a rotonda coa N-532 e a conexión coa N-525 dende o polígono, case que dous millóns de euros. Pero, o tempo deste parque xa pasou, e non podemos deixar que as nosas empresas, que poden acudir aos fondos do plan estatal de Reestructuración e Resiliencia, non o fagan porque non teñen onde establecerse por falta de solo de calidade", concluiu. 

O Concello de Verín e a comarca de Monterrei poderían ser o motor de desenvolvemento do sur da provincia e non é así pola incapacidade da Xunta para executar chan industrial (Juan Carlos Francisco, deputado do PSdeG)

O deputado autonómico e voceiro de economía do PSdeG, Juan Carlos Francisco, fixo fincapé en que "o concello de Verín e comarca Monterrei poderían ser o motor de desenvolvemento do sur da provincia de Ourense", pero matizou que "non é así pola incapacidade da Xunta de Galicia de desenvolver proxectos industriais e executar chan industrial". No caso do Polígono de Tamagos, o parlamentario dos socialistas ourensáns incídelle á Xunta en que "comece de xeito urxente a execución da primeira fase" e lémbralle que esta "xa se debería ter executado en 2011".

Juan Carlos FranciscoJuan Carlos Francisco, esta mañá na sede do PSdeG en Verín. 

Francisco fixo referencia que a "ausencia" de chan industrial no Polígono de Pazos, no que actualmente tan só quedan tres parcelas, que "imposibilitan" a instalación de calquera empresa potencial, "fai inviable calquera proxecto empresarial en Verín por falta de chan industrial". Ante a negativa da Xunta de impulsar o Polígono de Tamagos, "Feijóo obriga a esta comarca a non poder desenvolverse industrialmente, xa que non hai chan para que se poidan instalar novas empresas", apuntou o parlamentario autonómico do PSdeG-PSOE de Ourense, antes de finalizar afirmando que en Galicia e en Ourense "a política industrial é inexistente con Feijóo ao fronte do goberno galego".

Seoane reitéralle á Xunta o seu ofrecemento de urbanizar parte de polígono de Tamagos