Galicia homenaxea o maior operativo da súa historia tras unha vaga de lumes sen precedentes
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, expresou este luns o seu "profundo agradecemento" ao "gran labor e exemplo incomparable de servizo público" dos medios e efectivos estatais que combateron os incendios que arrasaron este verán máis de 170.000 hectáreas na comunidade. Lembrou que Galicia sufriu "a peor crise de incendios da súa historia", con aldeas evacuadas, paisaxes devastadas e un ceo cuberto de fume durante días, pero destacou que fronte ao avance das lapas "Galicia contou con algo máis forte que o lume: os seus profesionais".
No acto de homenaxe organizado pola Delegación do Goberno, Blanco subliñou que "o que vivimos non foron só cifras, foron historias de vida reducidas a fume", e asegurou que, ante ese drama colectivo, "Galicia sentiu medo, si, pero tamén orgullo, orgullo dos que o destes todo para protexer esta terra".
O delegado salientou que o Goberno de España despregou o maior operativo da súa historia en Galicia, con máis de 3.000 efectivos mobilizados simultaneamente nos momentos máis críticos. O dispositivo incluíu unidades terrestres, aéreas, militares, equipos de seguridade e incluso efectivos internacionais activados a través do Mecanismo Europeo de Protección Civil.
No acto foron recoñecidos a Unidade Militar de Emerxencias, que realizou o maior despregamento da súa traxectoria na comunidade; o Exército do Aire e do Espazo, con ata 25 aeronaves; a Brilat, que garantiu seguridade e apoio nas zonas evacuadas; as brigadas BRIF; Garda Civil, Policía Nacional, Tráfico e Seprona; así como persoal chegado de Francia, Finlandia, Estonia e Romanía. Blanco agradeceu tamén o traballo do equipo de Protección Civil da Delegación, "indispensable e sempre en alerta".
O delegado destacou que o Goberno estivo "onde tiña que estar, desde o primeiro minuto", e valorou o labor dos subdelegados e subdelegadas das catro provincias, así como a presenza en Galicia do presidente Pedro Sánchez e de varios ministros nos momentos máis críticos. Reivindicou ademais que a colaboración coa Xunta foi "absoluta, leal e constante", e ofreceu a man ao presidente Alfonso Rueda para sumar Galicia ao Pacto de Estado polo Clima.
Blanco advertiu de que o cambio climático "é unha realidade" e que os incendios non se combaten "con eslogans nin buscando culpables, senón con profesionais, planificación, investimento e prevención". Puxo en valor a aprobación do coeficiente redutor da idade de xubilación para os bombeiros forestais e lamentou os despedimentos recentes de brigadistas da Xunta. "O lume apagouse, pero o noso compromiso non", concluíu o delegado, asegurando que o Goberno continuará reforzando medios, protocolos e investimentos: "Galicia nunca esquecerá o que fixestes".
No acto, que abriu a xefa de Protección Civil, María Dolores Gómez, tamén interviñeron representantes da UME, BRIF, Garda Civil e do operativo internacional. Todos coincidiron en destacar a dureza da campaña, a coordinación entre equipos e a entrega dos profesionais nunha emerxencia "sen precedentes".