miércoles. 24.04.2024
Juan Carlos Francisco, esta mañá no Parlamento de Galicia dirixíndose ao conselleiro de Sanidade.

O parlamentario socialista Juan Carlos Francisco vén de reclamar hoxe o “arquivo do expediente político” aberto polo Sergas contra o xefe de Xinecoloxía do Hospital de Verín que logrou manter aberto o paridoiro. O responsable socialista presentou unha pregunta oral no Parlamento na que sinalou que a retirada da sanción é “a única saída razoable, xusta e ponderada” contra unha medida “absolutamente inxusta e improcedente”.

O responsable socialista denuncia un “axuste de contas” contra un profesional de quen “non se pode deducir outra infracción que a defensa da sanidade publica, dos servizos públicos e do mantemento do paridoiro de Verín”. Denunciou a “represalia política” aberta contra un profesional da sanidade pública recorrendo ademais a “un desprezo á razón xurídica” empregando “un feito absolutamente inocuo que para nada se axusta ao expediente disciplinario incoado”.

Francisco acusa ao goberno galego de imputar unha falta grave –que podía derivar nunha suspensión de 2 anos- que en cambio conclúen cunha sanción leve de tan só dous días “para manter aberto o expediente, porque se lle imputaran unha falta leve o expediente estaría prescrito”.

Explica que a sanción deriva supostamente de ter contravido unha orde da pediatra chegada de Ourense sobre o traslado dun bebé cando o informe do Sergas recoñece que se trataba dunha discusión entendible e un feito que se dá con maior ou menor frecuencia. Esta “hipotética desconsideración”, en realidade “nin está probada, nin atende á realidade dos feitos, conculca a presunción de inocencia e non atende á testemuña da matrona presente naquel momento”.

Dimisión do conselleiro

O responsable socialista amosoulle hoxe ao conselleiro de Sanidade dúas posibles vías: o peche inmediato do expediente ou agardar a que se pronuncie a Xustiza diante do recurso que presente o xefe de Xinecoloxía. Neste segundo caso, advertiu, “non elixa a quen cesar cando a Xustiza se pronuncie contra este expediente, porque dende o Grupo Socialista imos pedir a súa dimisión inmediata”.

Francisco Rivera, no Parlamento: "O expediente a Castrillo é un axuste de contas de...