TALENTO LOCAL E PROXECCIÓN INTERNACIONAL

O fotógrafo Carlos Folgoso regresa á súa vila cunha mostra de altura

Carlos Folgoso presenta a súa exposición "Alén do Lago".

Sala de Exposicións Municipal de Verín prepárase para recibir unha das propostas culturais máis destacadas deste inverno. O vindeiro sábado, 20 de decembro, ás 20:15 horas, terá lugar a inauguración oficial de “Alén do lago”, a última exposición do fotógrafo verinés Carlos Folgoso Sueiro.

Esta mostra, organizada polo Concello en colaboración coa Asociación Vía XIV, supón o regreso á casa dun autor galardoado co Premio Galicia de Fotografía Contemporánea e poderá visitarse de luns a venres ata o 31 de xaneiro.

“Alén do lago” non se presenta como un documental tradicional, senón como unha viaxe visual cargada de simbolismoque afonda na Galicia máis profunda. A través dunha estética coidada que bebe de referencias pictóricas como Rembrandt ou Bacon e do cinema de Tarkovski, Folgoso constrúe unha atmosfera onde a luz e a escuridade xogan un papel fundamental. A crítica de arte Magali Duzant define a obra como unha "epopea contemporánea de loita e supervivencia", onde as imaxes, misteriosas e metafóricas, falan de vidas paralelas e invitan ao espectador a buscar a súa propia conexión persoal sen ofrecer lecturas pechadas.

O proxecto aborda temáticas complexas como o despoboamento, a crise climática ou as feridas sociais, pero faino dende unha perspectiva poética onde, segundo o propio autor, queda patente que "somos o resultado do noso pasado".

A exposición conta co comisariado de Mark Zlick, recoñecido fotógrafo e director creativo, quen salienta a capacidade de Folgoso para capturar imaxes que "conteñen tempo" e que transitan nos límites do que nos define como sociedade, xerando un diálogo sobre a memoria e a nosa relación coa contorna.

Pola súa banda, Samanta Barreira, concelleira de Cultura, expresou a satisfacción do goberno local por recuperar o talento de creadores "da casa" que triunfan no exterior. Para Barreira, é unha "especial ilusión" que a veciñanza poida gozar da profundidade narrativa dun profesional que conseguiu proxectarse internacionalmente sen perder o vínculo coa súa terra.

Carlos Folgoso Sueiro conta cunha traxectoria que o levou a traballar durante máis dunha década con base en Italia e Rusia, cubrindo eventos de impacto mundial como a crise dos refuxiados, a traxedia de Lampedusa ou cumes do G8. As súas fotografías foron publicadas en cabeceiras de prestixio como National Geographic, The Guardian ou Der Spiegele expostas en institucións como o Hermitage de San Petersburgo. Tras unha lesión en 2020, o seu foco virou cara a proxectos de longo percorrido e máis autorais como este que agora se presenta na súa vila natal.