O Concello comeza a executar as obras de movemento de terras no parque do manancial

Un novo paseo comunicará a rúa Espido cos balnearios de Fontenova e Sousas

As máquinas remataron de mover as terras entre a entrada de Fontenova e a rúa San Antón.

Unha retroexcavadora achegábase este mércores as inmediacións da rúa Espido dende os xardíns de Fontenova. O Concello comezou a mover terras no parque do emblemático balneario, preparando un paseo que o comunicará co seu veciño de Sousas e co centro da vila.

O director xeral de Aguas de Fontenova, Luis Leiva, e o alcalde de Verín, Gerardo Seoane supervisaban esta tarde de mércores os traballos que xa se están a realizar nas inmediacións da fonte de Fontenova e que consistirán, fundamentalmente, en abrir unha canle de comunicación entre o propio manancial e a vila de Verín. A rúa Espido terá, por fin, continuidade, de xeito directo, na explanada do parque da fonte, que logo de atravesalo chegará ata a rúa de San Antón, conectando nun paseo peonil os balnearios de Sousas e Fontenova co centro da vila verinense.

Segundo o rexedor, Gerardo Seoane, inicialmente preténdese una sinxela adecuación con lixeiro pavimento e árbores a cada unha das marxes, actuacións que comezarán unha vez as máquinas retroexcavadoras rematen os traballos de movemento de terras. As obras forman parte dun proxecto moito máis ambicioso que mudará por completo a fisionomía do emblemático balneario e do seu entorno, coa construcción dun gran parque dunhas 8 hectáreas nas que se incluirá un lago artificial, ademais de espazos verdes específicos para xogos de cativos pero tamén de mascotas.