jueves. 25.04.2024
En Euskadi, instalacións das mesmas características, comezaron a pasada semana a abrir as súas portas

Familiares de usuarios dos centros de día recollen sinaturas para que a Xunta reconsidere a decisión de mantelos pechados

Nin o colectivo que representa a máis do 70 por centro dos centros de día da comunidade, nin moitos dos familiares dos anciáns que están a sufrir un importante deterioro logo de xa case tres meses de confinamento, entenden a inesperada decisión da Xunta de Galicia de mantelos pechados, como o caso de Raiola, en Verín, ou o do Consorcio Galego en Oímbra, ata o día 1 do mes de setembro. 

raiolasulfato
En Raiola, o centro de día de Verín, estaba todo listo para reiniciar a actividade este luns. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

A inesperada decisión, anunciada o pasado venres sen lla ter comunicada ás direccións dos centros de día de Galicia, de mantelos pechados ata o vindeiro mes de setembro está orixinando unha chea de críticas á medida adoptada pola Xunta de Galicia, a meirande parte delas, do colectivo de familiares de anciáns usuarios desas instalacións que non entenden como se pode alongar ata o mes de setembro a reapertura duns recintos "que son imprescindibles para moita xente maior que está a sufrir un verdadeiro deterioro manténdose nos seus domicilios", di Silvia De Cal, voceira da Plataforma galega de Centros de Día, colectivo que agrupa a máis dun 70 por cento de todas as instalacións destas características na comunidade. 

Eu teño usuarios no meu centro de día que se foron para casa camiñando, totalmente autónomos, e agora están encamados (Silvia De Cal, da Plataforma galega de Centros de Día)

Por toda Galicia, tamén en Verín, os familiares dos usuarios dos centros de día están asinando na páxina web Change.org para que a Consellería de Política Social reconsidere a decisión de non reabrir ata o mes de setembro, vítimas, como así explica De Cal, dunha determinación na que "non se tivo en conta para nada as nosas recomendacións. A Xunta debeu, e debe, escoitarnos e escoitar ás familias, non se pode infantilizar aos usuarios dos centros de día, un centro de día non é unha gardería. Aos centros de día acuden persoas, moitas delas, capaces de decidir por si mesmas, e que só buscan manter algunas das súas habilidades motoras, que en todo este confinamento perderon. Eu teño usuarios no meu centro de día que se foron para casa camiñando, totalmente autónomos, e agora están encamados", asegura a voceira da Platalaforma galega de Centros de Día.

O contaxio pode ser unha posibilidade, pero o terrible deterioro que están a sufrir nas súas casas xa é unha realidade (Silvia De Cal)

De Cal confirmou que na derradeira reunión -o pasado 25 de maio- que tivo coa conselleira do ramo, Fabiola García, e o director xeral de Maiores, Ildefonso de la Campa, "non se falou de que os centros de día permanecesen pechados ata o mes de setembro, só nos pediron uns días para darnos unha resposta cando nós reclamabamos que a apertura fose inminente. Eles non entenden que, si, que o contaxio é unha posibilidade, pero o que é xa real é o deterioro terrible que xa experimentaron moitos dos nosos anciáns", apunta. "Non somos uns desalmados, pero tomaron esta decisión sen ter un motivo técnico claro. Que ocorre, que se pode ir a votar ou ir á misa os domingos e non se pode ir a un centro de día onde si se van a garantir todas as medidas sanitarias precisas? Por que en setembro en non agora? Non se falaba de que ía haber un abroncho do andazo precisamente no outono? Vaise reabrir cando, segundo as previsións da Xunta, haxa outro abroncho para que teñamos que pechar nun mes?", preguntábase a directora do centro de día vigués Aledia e voceira da Plataforma galega deste colectivo. 

Que ocorre, que se pode ir a votar ou ir á misa os domingos e non se pode ir a un centro de día onde si se van a garantir todas as medidas sanitarias precisas? (pregunta a voceira da Plataforma de Centros de Día)


Euskadi abriu a pasada semana catro deles

No País Vasco, o plan foral contempla reiniciar o conxunto dos servizos sociais interrumpidos polo estado de alarma cando se aprobe o pase á fase 3, circunstancia que en Galicia tería lugar o vindeiro luns. Farano adaptados ás novas circunstancias, sempre con PCR negativas de todos os seus usuarios e dándolle prioridade a aqueles centros de día que non estén anexados a residencias de maiores (na comarca, un deles que si o está é o de Vilardevós, aínda que o resto, Raiola ou Oímbra, son edificios independentes).
Algúns centros de día, como Laztana, en Barakaldo, xa está funcionando dende o hoxe, como así puido comprobar a redación de Diario do Támega

Familiares de usuarios dos centros de día recollen sinaturas para que a Xunta...