A muller tiña 88 anos e visitaba con frecuencia o domicilio no que resultou positivo a auxiliar

Falece de COVID unha muller de 88 anos contaxiada no gromo que motivou o cribado do Servizo de Axuda no Fogar

A muller faleceu onte pola noite no CHUO, en Ourense.

A coidadora do Servizo de Axuda no Fogar do Concello de Verín resultou positivo o día 9 de decembro. Dous días despois, unha veciña da muller que atendía en Feces de Abaixo deu tamén positivo. A falecida era asidua á vivenda na que se deu o gromo. 

Unha muller de 88 anos de Feces de Abaixo (Verín), que resultou positivo o pasado 11 de decembro no gromo detectado na vivenda dunha das súas veciñas á que asistía unha coidadora do Servizo de Axuda no Fogar do Concello de Verín, faleceu onte en Ourense vítima da COVID. 

A nova coñeceuse no día no que se contabilizaron 14 novos positivos na comarca de Monterrei, 6 máis dos coñecidos este martes. En tan só 48 horas, foron 22 os casos diagnosticados, case a metade de todos os activos que se rexistraban á primeira hora deste 22 de decembro

Preocupación en Cualedro e Monterrei

Aínda que Verín segue a ser o principal foco en número de casos activos (38 este mércores 23 día de feira na vila), Monterrei está experimentando un notable ascendo en enfermos da COVID. A día de hoxe son 10 os pacientes diagnosticados coa enfermidade. Tamén en Cualedro preocupa a pandemia. Este mércores coñecíanse tres novos positivos: un home de 32 anos, unha muller de 37 e unha rapaza de 18. Hai un bar pechado por un dos diagnósticos e preocupa a evolución da enfermidade dentro da residencia de anciáns, na que a súa directora está aillada polo contacto cun positivo e á que se lle realizou un test rápido o pasado día 17 con resultado negativo.