A exposición estará ata o día 16 de maio

"A etnografía e os fotógrafos" na Sala de Exposicións de Verín

Imaxe da galería dun museo.

O traballo de máis de 20 fotógrafos ambulantes estará na Sala de Exposicións de Verín ata o 16 de maio, coa mostra "A etnografía e os fotógrafos". 

 

A Sala de Exposicións de Verín acolle a exposición "A etnografía e os fotógrafos", que se poderá visitar ata o 16 de maio. O horario de exposición será de luns a venres entre as 16:30 h e as 20:00 h e os paneis que a forman achegan datos biográficos dos autores, acompañados dalgunhas fotografías representativas do seu traballo.

Esta exposición, - creada polo Centro de Cultura Popular Xaquín Lourenzo da Deputación de Ourense para a Romaría Etnográfica Raigame do pasado ano -, céntrase nos fotógrafos ambulantes que traballaban polas rúas, en festas, feiras e outras celebracións.

Mostra o traballo de máis de vinte fotógrafos, entre os que destacan algúns coma Zagala, Reboredo ou Estudo Pacheco de Ourense, Rizo, Estalote de Santiago ou o Estudio Chao de Ribadavia. Tamén aparecen obras de fotógrafos que fixeron o seu traballo con intencións de investigación, como Xaquín Lorenzo Fernández “Xocas” ou o antropólogo e folclorista danés Gustav Henningsen, ou fotógrafos ambulantes coma Xosé Collazos, "o Retratista de Matamá".