Xoves. 28.03.2024
Esther Pato, comerciante e impulsora do colectivo da Rúa Maior, fai balance da campaña de nadal

Positividade e ánimo, dúas das claves para que o comercio local de Verín recobre folgos

Tras a campaña de nadal no comercio local de Verín toca facer balance e Esther Pato, da xoiería Pato e impulsora das accións de revitalización da Rúa Maior nestes últimos tres meses, ofrece o seu punto de vista sobre a efectividade das medidas unilaterais postas en marcha ao marxe da asociación de comerciantes de Verín, Aever.

Victoria e Esther Pato, de xoiería Pato, o 31 de decembro ao carón da Igrexa de Verín. | FOTO: Esther Pato.
Victoria Pato (esquerda) e Esther Pato (dereita), o 31 de decembro ao carón da Igrexa de Verín. | FOTO: Victoria Pato.

Por primeira vez na vila, tras a creación da Asociación de Empresarios e Empresarias de Verín, dúas das catro zonas comerciais de Verín decidiron iniciar campañas pola súa conta, para impulsar o comercio e darse a ver. A Rúa Maior e a zona nova de Verín traballaron individualmente por sacar adiante o comercio local. Así, actividades como decorar as rúas e tendas, realizar diferentes sorteos e celebrar as badaladas na Igrexa Parroquial de Verín, foron algunhas das actividades que se promoveron na campaña de nadal deste ano. Aever non se pronuncia ante a situación, e os comerciantes destas zonas insisten na importancia de levar a cabo calquera tipo de iniciativa para axudar a que o comercio local rexurda.

Esther Pato, comerciante da Rúa Maior, fai balance do transcurso desta campaña de nadal e aporta unha visión optimista e positiva, que se cadra, é o que precisa o comercio local.

A Rúa Maior este Nadal. | FOTO: Esther Pato.A Rúa Maior este nadal. | FOTO: Esther Pato.

Como xurdiu a idea de potenciar a Rúa Maior?

Eu decoraba as galerías onde teño a xoiería, en frente da Parroquia. Un día Eli, a barbeira da barbería Carlos díxome que o tiña moi bonito, empezamos a falar entre as dúas e decidiuse facer a decoración de Samaín. Eli tamén se puxo a facer un montón de cousas e contaxiamos ás demais mulleres da zona. Unha cousa foi levando á outra. En definitiva, foi contaxiarnos un pouco os uns dos outros.

Tras ditas iniciativas, que resultado tivo a campaña de nadal?

O balance é positivo. A xente estaba moi contenta, todo o mundo nos agradecía que decorásemos a rúa, que tivésemos iniciativas. Facía falta. Estaba a cousa un pouco parada, entón calquera cousa que fagas a xente vai estar receptiva.

Pensa que o balance foi positivo en todo Verín? Especialmente na zona nova, que tamén levaron a cabo actividades pola súa conta.

Eu supoño que si. Eles contaxiáronse e fixeron cousas. E iso é o importante, que se fagan cousas en Verín. Fixéronse distintas actividades que eu creo que fan que a xente quede aquí e non marche mercar a Ourense, Allariz, Chaves... Porque o final, se non tes ningún atractivo, a xente vai a outros sitios nos que atopan outros alicientes mellores.

Respecto ó futuro da Rúa Maior, cales serán os seguintes pasos?

Imos seguir decorando. Estamos pensando en facer algo para San Valentín, para o Entroido, de cara o verán... A rúa decorada alegra á vista. A parte de que poidas ter máis ou menos ventas, dá gusto pasear por aquí. Todo o casco vello está algo abandonado, e con dúas tonterías que fixemos a xente animouse. Así que temos pensado seguir facendo cousiñas.

Imos seguir decorando. Estamos pensando en facer algo para San Valentín, para o Entroido, de cara o verán...  A rúa decorada alegra á vista.

Cada Nadal, Aever instala unha pista de patinaxe sobre xeo e organiza unha gala e un sorteo de 1.000 euros. Cre que este Nadal quedaron un pouco desmarcadas estas actividades polo protagonismo que tiveron as iniciativas na Rúa Maior e na zona nova de Verín?

Eu creo que non. Ó final está todo un pouco unido. Son actividades que se fan en Verín, cousas que suman, porque ó final a maioría o que pensa é que hai cousas aquí e non queren marchar. E esa é a idea, que haxa actividades e ocio en Verín.

Polo momento Aever non se postula ante o acontecido. Por que pensa que sucede isto?

É complicado, non podo saber o que lles pasa pola cabeza. Non creo que teñan unha actitude negativa cara as nosas actividades, de feito, o que me transmitiron foi como algo positivo. Eu penso que non ven un enfrontamento.

A pesar de que a maioría dos comerciantes da Rúa Maior están integrados en Aever, por que decidiron emprender iniciativas sen contar coa Asociación? Non están a gusto co seu funcionamento?

O que facemos nós non ten nada que ver con que estemos contentos ou non con Aever. A nosa rúa é especial porque temos circunstancias diferentes ás que pode ter a Rúa Diputación ou a Rúa Luís Espada. Adornamos a rúa, puxémola bonita... Non só con finalidades comerciais, foi tamén para que diga bonito camiñar e entrar nas tendas, que resulte agradable. Por iso digo que non ten nada que ver con estar descontentos con Aever, senón que é por darlle máis vida á nosa rúa, que estaba algo abandoada, como todo o casco vello. Nós estamos abertos a facer cousas con quen sexa con tal de darlle vida ás rúas.

Cre que estas iniciativas individuais poden facer que se fragmente un pouco o comercio en Verín?

Non se trata de dividir, de feito a min paréceme positivo que houbese outras iniciativas, porque o que necesitamos é que veña diñeiro de fora e que a xente non se vaia a mercar a Ourense, por exemplo. Entón eu son das que pensa que todo o que se faga para lograr isto é positivo.

Como ve a xestión de Aever?

Eu creo que son activos e dentro das posibilidades que teñen intentan facer cousas. Que se podería facer máis? Igual si, pero entre todos podemos ir facendo pequenas cousiñas que axuden.

Sentíronse amparados polo Concello de Verín nas iniciativas que levaron a cabo?

O Concello non ten nada que ver co que estamos facendo. Vai todo do noso bolsillo. É certo que o Concello nos concedeu os permisos para poder colocar as cousas na rúa e apoiáronnos en todo momento, pero só iso, o demais é colleita propia.

O Concello non ten nada que ver co que estamos facendo. Vai todo do noso bolsillo.

"Verín medra contigo" é o lema do Concello, pero se imos polas rúas vemos moitos comercios cerrados e carteis de "alquílase" ou "véndese". Non lle parece contraditorio?

Si que é un pouco contraditorio, pero é que os temas das empresas privadas son complicados. Tampouco podes esperar que o Concello veña arranxar as cousas. Que igual poderían facer máis? Pode ser.

Necesitariamos que as Administracións nos axudaran en certas cousas porque comezar un negocio é moi difícil. Igual si que se precisan máis axudas neste aspecto, pero bueno, ó fin e ó cabo a empresa privada ten que ser autosuficiente, non podemos estar dependendo do Concello.

Que medidas cre que se deben adoptar para revitalizar o comercio en Verín?

O principal para  mellorar Verín é que a xente esté contenta. Iso é o que máis falta fai, que a xente teña o ánimo alto.Hai moitas cousas por facer, e se tes ánimo e ganas de traballar, ó final saen as cousas. O que máis falta fai é renovarse. O comercio cambiou moito, non podemos pensar que isto é como antes. Hai que pórse ó tanto dos novos tempos. Non podemos seguir funcionando como antes.

Cal cre que será o futuro de Verín a longo prazo?

Penso que inda temos moito que dicir en Verín. Eu estaba traballando fora e viñen para aquí e estou contenta. Non podemos deixarnos levar polo pesimismo.

É normal que a actitude sexa negativa, pero a positividade contáxiase. Con estas tonterías que fixemos, a xente púxose contenta e animouse moito, e iso é o que fai falta.

Positividade e ánimo, dúas das claves para que o comercio local de Verín recobre folgos