As actividades arrincarán o vindeiro 27 de xuño

A "Escola de verán" do Concello de Verín amplía horarios e duración neste 2022

Unha saída en bicicleta da Escola de Verán do Concello de Verín.

A área de Mocidade do Concello de Verín vén de abrir o prazo de inscrición no programa deportivo "Escola de Verán 2022" (Convive en Igualdade), unha iniciativa lúdico-deportiva que xa cumpre a súa 23ª edición e que está ideada para nenos e nenas nados entre o 2008 e o 2018. 

Como principais novidades respecto a outras tempadas, os usuarios poderán desfrutar dunha ampliación do horario da actividade, podendo asistir dende as 8:00 ata as 14:30 horas (todos os días), de luns a venres. Do mesmo xeito, e coa finalidade de facilitar a conciliación da vida laboral e familiar -así como poder ofrecer unha alternativa completa para o período vacacional dos máis pequenos- expándese a duración da actividade dende o 27 de xuño ata o 7 de setembro.

Respecto á tipoloxía das actividades da "Escola de Verán", desenvolverase o tradicional programa baseado en xogos coeducativos de igualdade e actividades deportivas variadas, salpicado doutras actividades complementarias como cine, teatro, obradoiros, piscina, bailes e actividades propias de ocio e recreación. O repertorio complementarase con diferentes eventos (torneos deportivos especiais) e saídas pola contorna de Verín, así como unha actividade sorpresa de gran envergadura para configurar un verán motivador e moi dinámico que faga que os nenos se acheguen a unha experiencia irrepetible.

As diferentes modalidades de participación da Escola de Verán son as seguintes:

Grupo Xeral de 3 días/semana (luns-mércores-venres) 

Idades: 4 a 14 anos.

Lugar: Preferentemente no Pavillón Municipal de Deportes e Piscinas de A Granxa.

Grupo de Fútbol e Fútbol-Sala de 3 días/semana (luns-mércores-venres) 

Idades: 7 a 14 anos.

Lugar: Preferentemente no Complexo Deportivo A Granxa e Piscinas de A Granxa.

Grupo Xeral de 5 días/semana (luns a venres) 

Idades: 4 a 14 anos.

Lugar: Preferentemente no Pavillón Municipal de Deportes e piscinas de A Granxa.

Grupo Mixto de 5 días/semana (luns a venres) 

Idades: 7 a 14 anos.

Lugar: Pavillón Municipal de Deportes/Polideportivo A Granxa e piscinas de A Granxa.

Actividades: Combina a asistencia ao Grupo de Fútbol/Fútbol-Sala (luns, mércores e venres) e o Grupo Xeral (martes e xoves).

O primeiro día da Escola de Verán (27 de xuño) farase unha xuntanza informativa para os pais de todos os participantes no Pavillón de Deportes ás 09:00 horas. Ao rematar a xuntanza, os nenos tomarán a mecánica normalizada da actividade, polo que terán que asistir provistos de roupa axeitada para facer as actividades e acudir ás piscinas.


Ademais, para ofertar unha actividade totalmente acorde ás necesidades das familias, os usuarios poden elixir a temporalidade que desexen, podendo inscribirse por quincenas, media matrícula (consta dun mes e unha semana) ou a matrícula completa (dous meses e dúas semanas). 

Os prezos están estipulados do vindeiro xeito:

Prezos fixados segundo opcións e tipo de matrícula. 

 

A inscrición realízase presencialmente nas instalacións do Pavillón Municipal de Deportes (Irmáns Moreno, 13 - Tlfno.: 988.41.11.40), en horario de 9:00 a 14:00 horas, ou ben remitindo un correo electrónico a smdverin@hotmail.com. Para formalizar as inscricións nesta actividade, cómpre entregar a seguinte documentación:

  • Folla de solicitude e os consentimentos correspondentes. 
  • Fotocopia do DNI
  • Xustificante de pagamento das taxas en Caja Rural de Zamora (ES82 3085 0082 57 2197715622).
  • Acreditar a condición de eurocidadán/empadroado do menor se se quere acceder ao pagamento reducido.