viernes. 19.04.2024
Esther Estevez. | Foto: Cedida.
Esther Estévez. | Foto: Cedida.

A Coordinadora de Traballadores e Traballadoras pola Normalización Lingüística (CTNL) vén de anunciar os fallos dos Premios Mil Primaveras, un certame que recoñece as iniciativas da posta en valor e difusión da lingua galega en distintos aspectos e soportes. Entre os seis triunfadores desta segunda edición dos premios hai un agardado: O 'Dígocho eu' da TVG que presenta unha cara coñecida por todos os televidentes da Galega.

Esther Estévez Casado naceu en Verín o 18 de novembro de 1997. Rematou os estudos de xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela en 2019; ano no que comezou a traballar no Departamento de Contidos Web da TVG. É máis coñecida como presentadora do 'Dígocho eu', posto no que leva dende xaneiro de 2020. Este é un programa de curta duración que se difunde a través de G24.gal e de redes sociais (RRSS) como Tik Tok, Youtube e Instagram. Actualmente tamén conduce “Cachadas”, un espazo humorístico semanal que se emite na Televisión de Galicia.

Como foron os teus inicios na TVG?

Rematei a carreira no verán de 2019, a finais deste vin que ofertaban becas Feuga na Televisión de Galicia e apunteime. Fixen unha proba e colléronme, entón entrei como bolseira a mediados de setembro dese ano. Uns meses despois, a principios do 2020, foi cando comezamos co 'Dígocho eu', que foi así como a miña sorpresa e a miña sorte. Grazas a iso e ó éxito que tivo, a día de hoxe podo seguir na TVG.

Como xurdiu o proxecto do 'Dígocho eu'?

Eu empecei no Departamento de Contidos Web da TVG, polo que daquelas xa facía cousas para as redes sociais, e pouco despois de entrar, en novembro ou decembro, o coordinador desta sección, Carlos Amado, falando conmigo dixo que lle apetecía facer algo para as RRSS relacionado coa lingua, para resolver dúbidas sobre o galego e demais. El quería que fose algo breve, é dicir nun formato fácil de consumir en redes, vídeos curtiños, un pouco divertidos; e démoslle forma ó proxecto. Pero quero que quede claro que a idea foi del, porque realmente foi quen o pensou e o propuxo, e tiramos para adiante. Digamos que lle empezou a dar voltas a finais de 2019, e o 1 de xaneiro de 2020 comezamos a sacar eses vídeos.

Por que ese nome?

Sempre é moi difícil escoller nomes para cousas, ou polo menos a min resúltamo. Cando xa case sabíamos como queríamos que fose a historia, comentar unha palabra que normalmente dicimos mal e dar a solución correcta segundo o diccionario; non tiñamos claro como chamarlle. Buscábamos un nome con algo de gancho para repetilo á fin de cada vídeo, para que fora collendo un pouco de forma a sección. Pensábamos en nomes pero ningún nos convencía, entón eu, ó sair de traballar, sempre lle falaba do proxecto á xente que vía, preguntáballe que nomes crían que lle podían pegar e ía anotando todas as ideas. Un día, volvendo para Verín co meu irmán, íamos no coche facendo unha chuvia de ideas, dicindo nomes aleatorios, e de repente el díxome 'Digocho eu'. Apuntei todo, pero ese gustoume; díxeno na tele e a eles tamén, e quedou. Faime graza, porque agora meu irmán sempre me di de broma que ten el os dereitos do programa.

Para aquela xente que non saiba de que vai o programa, poderías dar unha breve explicación de en que consiste e cal é o principal obxectivo deste?

O obxectivo principal é que calquera persoa, fale galego ou non, descubra algo novo sobre a nosa lingua en pouco tempo, ou sexa, en un minutiño ves unha explicación sobre unha expresión ou unha palabra e é algo máis que aprendes. Esa é a base, e mantémola a día de hoxe, pero si que é certo que os vídeos evolucionaron un montón, eu mesma sigo aprendendo cada día, pero creo que fixen un cambio brutal dende o principio ata agora, na maneira de saber expresarme e perder un pouco a vergonza e o medo. Entón penso que o propósito de coñecer ou mellorar o galego permanece, pero foron xurdindo polo camiño unha serie de cousas. Eu sempre digo que son uns astros que se aliñaron, e nunca sei explicar porque funcionou ou segue funcionando o proxecto, pero creo que é un programa ameno ó que lle demos un toque de gracia que ó principio non tiña, porque eu tamén estaba máis cohibida e todo iso; e fómoslle engadindo cousas ó que era o obxetivo primordial.

O obxectivo principal é que calquera persoa, fale galego ou non, descubra algo novo sobre a nosa lingua en pouco tempo, ou sexa, en un minutiño ves unha explicación sobre unha expresión ou unha palabra e é algo máis que aprendes.

Dada a situación actual do galego, cres que é importante facer máis espazos coma este?

Pois si, a verdade é que cando falamos o equipo do ‘Dígocho eu’ sobre a situación do galego sabemos que se foron perdendo falantes, iso sabémolo todos, porque estamos nun día a día no que escoitamos pola rúa, no traballo, na familia ou en diferentes ámbitos, e percibimos que, sobre todo as novas xeracións, o falan menos. Pero eu creo que Carlos Amado tivo unha gran idea, porque penso que a forma de normalizar e incluso de pór de moda o galego é falándoo, pero ademais con cousas coma estas vimos que nos centros educativos comezaban a usar os vídeos como apoio para a materia de lingua galega, e isto é algo bo. É imposible facer que todos os rapaces, que igual no instituto falan castelán, de repente se cambien ó galego, pero non percibimos un rexeitamento por parte da xente nova, que é no que eu me centro, porque ó final son o futuro da lingua. Eu opino que se ven contido en galego ó mellor un día lánzanse a falalo, e polo menos xa partimos da base de que non hai mal rollo cara a lingua, senón que á rapazada lle gusta o que facemos. Falo do meu caso, pero hai un montón de proxectos máis por aí, que os mozos ven e que poden conseguir o mesmo que estamos logrando nós. Así que si, eu creo que é necesario facer isto, e sobre todo que nós mesmos normalicemos falar galego para que a xente nova vexa que ten utilidade e que é unha lingua máis que se pode usar en calquera ámbito.

Eu creo que é necesario facer isto, e sobre todo que nós mesmos normalicemos falar galego para que a xente nova vexa que ten utilidade e que é unha lingua máis que se pode usar en calquera ámbito.

Difundides este programa a través de varias redes, entre elas Tik Tok, que actualmente está en alza. Como foi a acollida do 'Dígocho eu' aquí?

En Tik Tok empezamos a finais de setembro, principios de outubro. Antes de nada, quero aclarar que aínda que agora se me vexa moi cómoda e contenta nesta plataforma, teño que confesar que ó principio cando me propuxeron empezar nela, non é que non quixera, pero non daba visualizado como o ‘Dígocho eu’ se podía adaptar a esta RRSS. Pero bueno, creo que así quedou demostrado que se pode falar en galego en calquera rede social, e non só en galego, senón sobre este; que igual a priori ó poñernos en plan profes pode parecer máis aburrido, pero a xente acolleuno moi ben. Eu a día de hoxe podo dicir que é onde mellor o paso, porque xa no 'Dígocho eu' de por si toleamos e rimos moito, pero ó final Tik Tok ten ese punto extra de loucura e de paiasadas. 

 Creo que así quedou demostrado que se pode falar en galego en calquera rede social, e non só en galego, se non sobre este.

Tivo moi bo recibimento, e creo que a clave disto está un pouco en que cando nós empezamos non había demasiadas contas que fixeran contido en galego. É dicir, hai e había galegos en Tik Tok, pero non había moita oferta en galego, e eu creo que iso beneficiounos. Non sei porque pero conectamos coa xente, xa que ó final é unha rede de persoas máis novas, e igual se ven un pouco reflexadas en min, porque lles está falando alguén xove, e quizais iso tamén ten que ver; ou non, non o sei. Pero pouco a pouco fomos collendo forma e aprendendo sobre esta aplicación, porque eu inicialmente non tiña nin idea, e agora estamos como “pez en el agua” e transmítennos moito cariño. Non todo o mundo que nos ve fala galego, pero vemos que hai un certo interese polo contido na nosa lingua, e iso é algo que nos pon moi contentos. Tik Tok é unha das plataformas que nos animan a seguir facendo o que facemos, porque é unha das redes onde máis xente nova hai e dannos bastante apoio, non todos os comentarios son bos, pero en xeral respírase paz e amor, polo que estamos felices.

Esther Estévez_2Esther Estévez. | Foto: Cedida.

En que vos baseades para escoller o tema de cada capítulo?

Cando empezamos, a intención era que a xente que nos vira aprendera algo, pero comezando por nós mesmos, porque eu cometo erros e os meus compañeiros tamén. No equipo somos tres persoas, Carlos Amado, Rocío e eu. Rocío é a nosa lingüista, e corrixe cada día, non só a min, senón a todos os redactores, porque sempre se intenta que os vídeos ou as noticias que saen na tele vaian o máis correctos posible. Con ese propósito empezamos a crear unha listaxe de erros que cometiamos, ou que escoitabamos bastante e demais; entón as ideas dos vídeos saen desa lista. Co tempo acabou sendo enorme, e ademais agora non só son erros que nós temos e escoitamos, senón que tamén metemos as suxerencias que nos fan a través dos comentarios ou das redes as persoas que nos seguen. A xente sempre nos di que nunca se acaban as ideas ou as palabras, pero e que eles mesmos nos propoñen temas ou dúbidas, entón é coma unha listaxe interminable.

No día a día eu mesma teño un montón de dúbidas, parece que xa está todo explicado pero hai moitisimos termos e expresións. Eu vou aprendendo, e si que é verdade que dende fai un ano para aquí intentei ir incorporando algunhas cousas. Cando escribes non é tan complicado, porque sempre te fixas máis, pero na fala é moi difícil correxir os erros; e para iso están os vídeos, para intentar correxirnos ou polo menos para saber algo novo, porque a filosofía do ‘Dígocho eu’ tampouco é que todos falemos como dicionarios.

Para iso están os vídeos, para intentar correxirnos ou polo menos para saber algo novo, porque a filosofía do ‘Dígocho eu’ tampouco é que todos falemos como dicionarios.

Aínda sendo galegofalantes é moi complicado dialogar en galego normativo, e sobre todo, non usar castelanismos. Como cres que está axudando o 'Dígocho eu' neste sentido?

No meu caso creo que agora intento meter menos a zoca, se me dou conta corríxome e demais. Non sei se ó resto da xente lles está axudando a falar mellor, pero como che dicía antes, creo que si que é útil para os colexios, porque a veces non só explicamos palabras, senón verbos ou pronomes, que son máis estilo lingua galega como materia; entón aí penso que si que poden estar aprendendo os rapaces. En xeral creo que o que consegue o ‘Dígocho eu’ non é tanto que se corrixan eses erros, porque é imposible saber se agora a xente está falando mellor ou peor, pero opino que o que logra o programa é transmitir un cariño pola lingua. Así mesmo este é un dos principais obxectivos, porque a xente que formamos o equipo somos galegofalantes e queremos que toda a xente lle teña o mesmo apego que lle temos nós ó galego, e iso penso que é o que estamos conseguindo; o outro igual se tarda un pouco máis pero tampouco me preocupa demasiado. Claro que está ben que a xente aprenda cousas, pero o ‘Dígocho eu’ é como unha festa, e tamén é entretemento; e trátase de rirnos de nós mesmos e sorprendernos con cada capítulo, tanto nós coma a xente que nos ve. Se podemos aprender algo mellor e se o podemos aplicar xenial, senón pois que nos quede sempre que o galego é útil, que o temos aí e que hai que falalo.

Se podemos aprender algo mellor e se o podemos aplicar xenial, se non pois que nos quede sempre que o galego é útil, que o temos aí e que hai que falalo.

Colaborastes recentemente no proxecto '21 Días co Galego e +'. En que consistiu esta cooperación?

Este levouse a cabo en varios colexios e institutos de toda Galicia, e consiste en realizar actividades para fomentar o uso do galego, intentando que, durante estas, os rapaces o falasen sempre e desempeñasen actividades creativas na nosa lingua; e incluso facían os seus propios ‘Dígocho eu’. A nosa intervención consistiu en falar con todos os centros participantes, e como a situación é a que é e non podíamos ir presencialmente, fixémolo por videochamada; e aínda que prefería estar en persoa, porque como en todo, ó estar alí vívelo máis, a verdade é que estivo moi ben. Eu vin que ós rapaces lles interesaba que nós estivesemos falando con eles e fixéronnos preguntas e demais. A organización do ’21 Días co Galego e +’ decidiu que podíamos ir de sorpresa ó ultimo colexio, pero o resto foi por videochamada. Cada día falábamos cun centro, e foi unha vivencia moi bonita.

A día de hoxe tamén estás presentando 'Cachadas', como describirías este programa?

É un espazo que naceu a mediados de outubro, foi unha sorpresa para min. Un día chamáronme os compañeiros da TVG e dixéronme que ían comezar a gravar un novo programa e que lles gustaría que o presentara eu. Por iso sempre digo que se alinearon os astros, porque dende que entrei na tele non paran de pasarme cousas boas e todo son oportunidades, parece que todo sae ben, e eu pois contenta de que a xente confíe en min para facer as cousas. Está sendo unha experiencia moi chula, porque eu aprendo todos os días e acabo de saír do cascarón, entón todo o que poida facer sérveme para aprender como xornalista e como comunicadora.

Neste proxecto resúmense un pouco os mellores momentos ou os máis graciosos de toda a semana, que poden pasar en calquera programa. É unha forma de que se non puideches ver a tele, porque ninguén está pendente dela as 24 horas, queden recompilados os momentos máis divertidos, contados de maneira rápida, porque o espazo dura media hora. É algo para rirse e entreterse un pouco co máis cómico da TVG da semana.

ENTREVISTA | Esther Estévez: "O que consegue o ‘Dígocho eu’ non é tanto que se corrixan...