Entran en vigor as restricións para usar maquinaria con risco de lume | NOTICIAS OURENSE
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural do pasado 23 de xuño pola que se regula a utilización de maquinaria agrícola e forestal durante a época de perigo alto de incendios, nos supostos en que o índice de risco de incendio forestal (IRDI) alcance os niveis de moi alto ou extremo.
A norma afecta a todos os traballos e actividades de carácter preventivo, silvícola ou agrícola que requiran o emprego de maquinaria cuxo funcionamento xere deflagración, chispas ou descargas eléctricas, tanto dentro de terreos forestais como nas áreas rurais situadas nunha franxa de 400 metros ao redor deles.
Na franxa horaria das 12:00 ás 18:00 horas, a autorización para traballar queda condicionada ao cumprimento duns requisitos obrigatorios. En medios materiais: un vehículo equipado cun depósito de auga cunha capacidade mínima de 400 litros, dous batelumes, un extintor de espuma con base de auga de non menos de 6 quilogramos e unha mochila extintora cunha capacidade mínima de 15 litros.
En medios persoais, esíxese a presenza dunha persoa en funcións de auxiliar, cuxa función será a detección temperá de posibles conatos de incendio e a notificación inmediata aos servizos de emerxencia a través do 085, do 112 ou da aplicación móbil ALume. Isto implica que ninguén poderá traballar só co tractor: deberá haber como mínimo outra persoa en funcións de vixilancia.
A orde establece que o cumprimento destas medidas preventivas non exime das responsabilidades que poidan derivarse da provocación dun incendio forestal.
A norma entra en vigor este mesmo luns, día da súa publicación no DOG, e complementa as recomendacións xa recollidas no Pladiga 2026, como consultar diariamente o nivel de IRDI, instalar matachispas nos tubos de escape, evitar as horas centrais do día e dispoñer sempre de extintores revisados e operativos.