domingo 20.10.2019
a conselleira de Educación, Carme Pomar, anunciouno na visita que fixo a Verín para comprobar o estados das obras do Princesa

Unha única caldeira de biomasa calefactará os institutos García Barbón, Chivite e o CEIP Princesa de España

A conselleira de Educación, Carme Pomar, visitou esta mañá as obras de remodelación do colexio de Educación Infantil e Primaria Princesa de España de Verín. Nel, o departamento que dirixe está a investir preto de 800.000 euros nunha importante reforma exterior e interior. A titular da consellería anunciou que se creará un district heating entre ese centro e os dous institutos máis próximos. 

As obras no interior do centro están xa prácticamente rematadas, só queda que o fagan as que se executan no exterior.
As obras no interior do centro están xa prácticamente rematadas, só queda que o fagan as que se executan no exterior.

Unha caldeira de biomasa, instalada no instituto de Formación Profesional García Barbón de Verín, aportará a enerxía suficiente para quentar ese centro e os dous próximos, isto é, o colexio Princesa de España e o instituto de Bacharelato Xesús Taboada Chivite. Foi o anuncio más destacado que fixo a conselleira de Educación, Carme Pomar, na visita que esta mesma mañá realizou para supervisar as obras de acondicionamento e mellora que se están a acometer no Princesa de España e nas que se investiron, por parte da consellería que dirixe, preto de 800.000 euros. 

O proxecto parte dunha iniciativa inicial que era a de reformar a instalación de calefacción do instituto García Barbón, co fin de complementar o sistema de xeración de calor actual, que emprega gasóleo como combustible, con caldeiras que utilizaran a biomasa para a combustión. Esa execución, que estaba orzamentada en case 200.000 euros, está arestora suspendida e pendente de que se aprobe a modificación do proxecto inicial que permita redimensionar a infraestrutura para crear, entre os tres centros educativos, un district heating

A conselleira, na súa visita na vila, estivo acompañada polo Secretario Xeral de Educación, Jesús Oitavén Barcala; a delegada territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, e a xefa territorial da provincia de Ourense de Educación, Luz Fernández Quintas. Percorreu a práctica totalidade do centro educativo, que levou un importante lavado de cara, tanto exterior coma interior.

princesacarme  A conselleira, de xeonllos no chan, fala cun dos cativos, esta mesma mañá. 

A titular do departamento educativo da Xunta de Galicia comprobou o avance da rehabilitación integral do CEIP Princesa de España, que contou cun orzamento de 760.847 euros. A actuación, que aínda non rematou, está a consistir no illamento da fachada do edificio principal e na substitución da cuberta dos dous edificios por unha nova de paneis sándwich de chapa de aceiro galvanizado lacado con espuma de poliuretano. Así mesmo, tamén se contemplou a colocación de illamento térmico na cara superior do forxado do baixo cuberta no edificio principal e sobre o falso teito da última planta na unidade do comedor, así como sobre o falso teito dos porches e patios exteriores dos dous bloques.

MELLORA DE EFICIENCIA ENERXÉTICA CON NOVAS FIESTRAS

Entre as actuacións dirixidas a mellorar a eficiencia enerxética, mudáronse as fiestras, colocáronse novas persianas de lamas de aluminio inxectadas con espuma de poliuretano en ambos edificios e a instaláronse novas luminarias con equipos de regulación lumínica e detectores de presenza en corredores e aseos. Todas estas medidas combinadas suporán un aforro do 22,0 % no consumo de enerxía primaria non renovable e do 35,50 % en emisións de CO2.

princesacociñaCarme Pomar "meteuse" ata a cociña, na súa visita ao CEIP Princesa de España. 

A obra incluiu tamén o pintado das fachadas do edificio principal e do comedor, a reparación e pintado dos paramentos interiores, o esmaltado das carpinterías interiores e dos radiadores do centro, a colocación de pavimento vinílico en aulas infantís, a reforma dos aseos do edificio principal e o pulido do pavimento de terrazo, entre outras melloras.

princesaestherFoi a anécdota da xornada: Carmen Pomar atopou no centro a unha das súas alumnas -Esther Vega- na etapa de profesora da universidade. 

As actuacións no interior do centro están rematadas, pero continuarán no exterior coa substitución de partes da cuberta e a inxección de cámaras. Durarán un par de semanas e xa está aprobado un Plan de Seguridade e Saúde adaptado a estas circunstancias.

Unha única caldeira de biomasa calefactará os institutos García Barbón, Chivite e o...
comentarios