A tecnoloxía reforzará a seguridade en todo o proceso

Dous novos carruseis automatizados mellorarán a xestión de medicamentos no Hospital comarcal | NOTICIAS VERÍN

Persoal do Servizo de Farmacia do Hospital de Verín, traballando cos novos carruseis automatizados.

Servizo de Farmacia Hospitalaria do Hospital Público de Verín reforza a súa capacidade asistencial coa incorporación de dous novos carruseis horizontais automatizados para o almacenamento e dispensación de medicamentos, un equipamento de última xeración que supuxo un investimento total de 134.000 euros.

Segundo Lucía Cid Conde, subdirectora de Prestación Farmacéutica da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, a incorporación destes sistemas representa un novo paso na modernización da farmacia hospitalaria da área sanitaria, xa que completa a implantación gradual da automatización nos tres hospitais da área, garantindo que todos os centros dispoñan das mesmas ferramentas.

A doutora Cid Conde salienta ademais que a tecnoloxía permite liberar tempo dos profesionais para dedicalo á actividade asistencial, reforzando a seguridade do proceso farmacoterapéutico. Para un hospital comarcal como o de Verín, engade, esta incorporación representa un salto cualitativo na organización do servizo.

Os novos carruseis automatizados instalados no Servizo de Farmacia do Hospital de Verín.

Os novos dispositivos funcionan baixo o principio de "produto ao profesional": son os propios carruseis os que achegan automaticamente o medicamento solicitado ao punto de traballo, reducindo os tempos de procura e preparación e eliminando desprazamentos innecesarios do persoal. Incorporan ademais tecnoloxía Pick-to-Light, un sistema de guiado luminoso que sinala con precisión a localización do medicamento, o que contribúe a minimizar os erros na dispensación.

O sistema mellora tamén o control do inventario, ao rexistrar en tempo real os movementos de entrada e saída dos medicamentos, facilitando a trazabilidade e o seguimento das datas de caducidade. Ademais, o seu deseño de alta densidade permite optimizar o espazo físico do servizo, e os equipos están integrados cos sistemas de información do hospital, incluíndo a aplicación de xestión farmacéutica e a historia clínica electrónica.