Diario do Támega acada o segundo Premio Carracedo pola cobertura dos lumes | NOTICIAS VERÍN
O xornal dixital Diario do Támega foi distinguido co premio ao segundo mellor traballo na trixésimo quinta edición do Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo, prestixioso certame que anualmente convoca a Deputación de Ourense. O xurado acordou conceder esta honra pola reportaxe especial titulada “Ourense baixo o lume: compromiso, risco e resultado”, unha peza multi-formato que recolle o drama e as consecuencias da vaga de incendios forestais que afectou de xeito directo á provincia de Ourense en agosto de 2025. O galardón, dotado cunha contía de 1.000 euros, recoñece de xeito específico o valor dun modelo de xornalismo de estar pegado á realidade diaria dos nosos pobos e sensible cos problemas da veciñanza.
A peza foi elaborada sobre o terreo polo redactor xefe, Xosé Lois Colmenero, e a fotógrafa, Noelia Caseiro, quen conformaron un equipo técnico de referencia durante as xornadas máis complexas da vaga de lumes. Esta redacción quere poñer o foco no extraordinario labor de Noelia Caseiro, cuxo traballo de campo foi un exemplo de fotoxornalismo en estado puro. Ambos cubriron en primeira liña o avance das lapas, arriscando a súa propia vida nos focos máis perigosos da comarca de Monterrei para obter imaxes dunha enorme forza expresiva que permitiron narrar con rigor, honestidade e sen filtros a crueza da catástrofe ambiental que sufriu o territorio.
Desde a dirección de Diario do Támega queremos expresar o noso sincero agradecemento á Deputación de Ourense e aos membros do xurado por poñer en valor o esforzo que realizan os medios de comunicación locais máis pequenos para manter informada á cidadanía cunha perspectiva crítica e de proximidade. Este recoñecemento supón un impulso fundamental para seguir exercendo a nosa profesión desde o compromiso co rural. Así mesmo, queremos facer extensiva a nosa máis cordial felicitación ao resto dos premiados nesta edición: o histórico profesional Paco Sarria, galardoado co premio á traxectoria honorífica, e o compañeiro Diego Freire, que obtivo o premio principal polo seu gran documental “Quen contamina a Limia”.