martes 11/05/21
É nai solteira por elección e asegura que é a mellor decisión da súa vida

DÍA DA NAI | Yolanda e Ádam, unha feliz familia de dous

Os da fotografía son Yolanda e Ádam, nai e fillo. Atopáronse o 27 de novembro de 2019 e viven un auténtico frechazo. Dende entón non se separaron. É o final feliz da historia de Yolanda como nai solteira que comeza a continuación.
IMG-1776
Yolanda vendo unha foto do seu fillo Ádam. | FOTO: M. D.

Segundo a organización Save the Children, existen en España máis de 1.750.000 de fogares monoparentais, dos cales o 82% está encabezado por mulleres. Un deses fogares é o de Yolanda González, profesora de estética e experta en perruquería, que dende hai ano e medio é a mamá solteira de Ádam.

Dende nova foi unha muller moi resolutiva e independente. Con 19 anos marchou de casa e sempre se adaptou ás circunstancias. "Cando quero algo nada me para, non lle teño medo a nada", confesa. Iso mesmo debeu pensar cando, chegados os 35, comezou a sentir a chamada da maternidade. "Non dubidei en ser nai solteira, logo dunha longa relación. Foi a miña mellor decisión".

adamÁdam González, fillo de Yolanda. | FOTO: M. D.

E ese novo e apaixoante capítulo da súa vida tivo a súa orixe na cidade de Vigo. Yolanda, natural de Vilardevós, nunca deixou de formarse na súa especialidade, polo que as súas viaxes eran constantes á cidade olívica. O que nunca imaxinou é que alí, por casualidade, ía coñecer de primeira man algo que lle cambiou a vida: "Entereime de que pola Seguridade Social toda muller de ata corenta anos, pode facer calquera tratamento reproductivo sen ningún coste. Pola rúa cheguei a oír auténticas barbaridades, como que unha muller só pode quedar embarazada pola Seguridade Social se ten un problema. Quero dicirlles a todas que isto é mentira".

Ás veces pregúntanme canto me costou ter ao meu fillo. Quérolles recalcar a todas as mulleres que queiran ser mamás que non teñen que pagar (Yolanda González)

Con esta información no peto, comezou os trámites. Someteuse a un estudo físico xeral para verificar se era ou non apta para recibir os tratamentos. "En outubro de 2018 pedín cita e en decembro xa me fixeron as probas. A idea xeralizada de que hai que esperar moito tempo nunha lista de espera tamén é mentira". Afortunadamente, todo estaba en orde para preparar o seu corpo de cara á reprodución asistida. Cada muller, pola Seguridade Social, conta con seis oportunidades para lograr un embarazo por inseminación artificial. Pasadas estas seis, hai outras tres pero, nesta ocasión, por fecundación in vitro

Eu quedei embarazada á segunda. Casualmente o día do meu aniversario, o 8 de marzo, tiven moita sorte. Un día encontreime moi mal e pensei en paralizar o proceso ata encontrarme mellor. Xa non me deu tempo porque me enterei de que estaba embarazada (Yolanda González)

Agora, co seu bebé en brazos, un neno de 17 meses activo, gracioso e moi listo, intenta concienciar á poboación para que normalice estes procesos. "Hai un tabú moi grande. No meu caso chegaron a especular moitas cousas. A xente dicíame que o meu neno necesitaba un pai... Pamplinas! Hoxe en día a muller é totalmente independente para ter un fillo soa". Tamén tivo que facer este esforzo ao inicio coa súa familia porque, confesa: "Explícaslles aos teus pais que queres ser nai solteira e a ningún lle gusta. Agora son os avós máis felices do mundo. Teño moitísimo apoio pola súa parte porque un neno dá moitísimo traballo".

Hai xente que me di pola rúa que son moi valente. Eu véxoo rarísimo, só son unha muller que quería ser nai solteira (...) Outros dinme que estou tola (Yolanda González)

 

A vida na escola

Un pilar, sen dúbida, fundamental para a vida de calquera persoa e, por iso, Yolanda resalta "a idea de que nos colexios estes nenos non se sintan para nada discriminados, porque cada día son máis". E, ao ser preguntada por esa materia pendente nas escolas, conta que "xa se está mellorando, aínda que falta moito. Pero teño que recoñecer que levei unha grata sorpresa cando fun ao cole e descubrín que xa se anularan as actividades polo Día da Nai e do Pai. Véxoo totalmente xusto".

O famoso nacemento de Ádam

Yolanda quedou embarazada con 40 anos recén cumpridos, os mesmos que tiña no momento do 'accidentado' parto; pois rompeu un pé dous meses antes de darlle a benvida ao pequeno Ádam. Deu a luz recén operada pero iso non lle impediu loitar por unha causa ben coñecida na comarca de Monterrei. Foi pioneira na loita polo mantemento do paridoiro do hospital de Verín e, casualmente, o seu bebé case se converte no último en nacer no paridoiro antes do seu peche. Ese mesmo día foi derivado a Ourense, onde estivo tres semanas separado da súa nai. "Chamáronme de tódolos medios. Aí comezou toda a polémica e dixenlles aos meus pais que había que parar iso", lembra. 

En el paritorio verinense de han registrado 11 partos desde el pasado 14 de marzo. En la imagen, el pequeño Adam. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.Yolanda co seu pequeno Ádam, recén nacido. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

Agora fai balance e confesa que de ter sabido o que se sente, teríao feito antes. "Vou quedar coa pena de non ter outro fillo pola miña idade". E anima a calquera muller que queira ser nai a tomar a decisión: "Foi a mellor experiencia da miña vida".

DÍA DA NAI | Yolanda e Ádam, unha feliz familia de dous
comentarios