martes. 16.04.2024
Gloria con algunha das súas netas. | FOTO: M. Ceballos
Gloria con algunha das súas netas. | FOTO: M. Ceballos.

Corría o ano 1956 cando Gloria casou con Amable, o seu marido, pai dos seus fillos e o único home na súa vida. Conta, melancólica: “Recordo que casamos, eu vin para casa e el tivo que ir traballar”. Non ían tempos sinxelos naquela época, na que se vivía ao día e na que soster unha familia era algo moito máis complexo do que agora podemos imaxinar.

Pouco tempo despois do casamento comezaron a chegar os fillos ao matrimonio, cinco homes e cinco mulleres, que foron “unha alegría no persoal pero tamén unha responsabilidade maior, pois tiñamos que traballar máis. A axuda do meu marido nese sentido foi fundamental porque eramos unha casa e doce bocas”, conta Gloria.

Cheguei a sair ás catro da mañá e regresar as seis do día seguinte. Ás veces ía coas vacas, descalzábame e despois volvíame calzar para non gastar os zapatos (Gloria Ferrero)

No seo dunha familia humilde, os seus esforzos por saír adiante eran infinitos -“traballei moito pero fun moi feliz”-. Co que non contaba Gloria, era co duro revés que a vida lle ía dar. Cando tiña só corenta anos, doce anos despois da voda, quedou viúva e coa responsabilidade de criar soa a tódolos seus fillos. "Os maiores tiveron que colaborar pero a miña filla pequena, Mariluz, só era un bebé. Tamén os seguintes tres, pois case todos se levan un ano. Para eles tampouco foi fácil”, lamenta.

A ventá do tempo

Na actualidade, moitos anos despois, mira pola ventá do tempo e admite que “cambioume moito a vida, vivo tranquila, cousa que naqueles anos non”. Agora vive na súa casa de toda a vida, onde naceron tódolos seus fillos e en compañía de tres deles, Mariluz, Pepe e Segis, que agora lle devolven tódolos coidados que ela lles deu durante a súa infancia.

Non obstante, e replicando as súas palabras, "o día é moi longo e teño que buscar entretemento". Entre paseo e paseo coa súa filla Mariluz, adícase a tecer calcetíns, dos que recoñece “o meu fillo Segis son os que usa todo o inverno”, algo que a enorgullece, así como coidar da horta, para o que aínda se ve capacitada.

Gloria, cunha pranta, no día que cumpriu 93 anos, | FOTO: M. CeballosGloria Ferrero, con prantas, o día no que cumpriu 93 anos. | FOTO: M. Ceballos.

'Recapitulando ando'

Botando a vista atrás, e facendo un repaso da súa existencia, suspira e admite que tivo unha vida moi dura, pero que todo está compensado coa familia que creou.“Teño dez fillos, nove netos e seis bisnetos… Xa preciso polo menos un pobo enteiro para min e a miña familia” conta, sorrindo.

Os meus netos morren pola súa avoa e eu… Eu tamén morro por eles. Agardo chegar polo menos aos cen anos e así poder gozar máis deles (Gloria Ferrero)

Por mor da crise sanitaria, e porque a maioría dos seus fillos, netos e bisnetos viven en Barcelona, leva máis dun ano sen velos. Conta Gloria, que falan a miúdo por teléfono e “só con escoitar a súa voz xa estou contenta. Sobre todo das miñas netas, Tamara e Bea, que se criaron aquí comigo, e son como dúas fillas máis”. 

Así é a vida de Gloria, dela e dos seus dez fillos, nove netos e seis bisnetos. Unha historia de superación dunha 'megafamilia' que xa dura máis de 50 anos.

DÍA DA NAI | Gloria, a muller da Mezquita que fixo de nai e pai de dez fillos