luns 06.07.2020
A parlamentaria nacionalista escoitou da man das familias dos usuarios o deterioro que elas e os anciáns están a sufrir

A deputada do BNG Noa Presas pídelle a Feijóo en Verín que "deixe de vender fume" cos centros de día e permita que abran

A deputada autonómica do BNG por Ourense no Parlamento de Galicia, e cabeza de lista nos vindeiros comicios do mes de xullo, Noa Presas, visitou esta mañá o centro de día Raiola de Verín, para reclamar, logo dunha xuntanza cos familiares dos seus usuarios, a "rápida" reapertura deste tipo de instalacións. 

Chelo Ferreiro, directora de Raiola (esquerda), e Noa Presas, no centro, esta mañá. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.
Chelo Ferreiro, directora de Raiola (esquerda), e Noa Presas, no centro, esta mañá. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

"É radicalmente mentira que os centros de día vaian abrir, como onte anunciou Feijóo. É fume, un parche autoexculpatorio, a día de hoxe non hai un plan de desescalada mentres que en maio xa había un pactado co sector e a Xunta desdiciuse das súas propias previsións", apuntou a candidata do BNG ao Parlamento de Galicia por Ourense, Noa Presas Bergantiños, que esta mañá acompañada polo tenente de alcalde de Verín, Diego Lourenzo, e o concelleiro de Servizos Sociais do consistorio local, o doutor Eugenio Quintas, visitou o centro de día para maiores da vila, Raiola, no que se reuniron cunha representación das familias dos usuarios da instalación, que lles contaron, de primeira man, como están a sufrir o peche de Raiola os seus anciáns. Presas quíxose interesar pola situación dos maiores logo de que, a pasada semana, Diego Lourenzo mantivera unha idéntica xuntanza na que lle fixeron constar os familiares que o que estaban a vivir nas casas era xa insostible. 

Presas Bergantiños asegurou que esta decisión, "que non comparto cando xa se está a falar de que o vindeiro luns Galiza saia do Estado de Alarma; cando hai centos de persoas que acuden xa aos seus postos de traballo nas fábricas; cando se permiten oficios relixiosos ou ocupar terrazas ao cento por cento da súa ocupación, que se teña esta actitude cobarde e se manteñan aos maiores que precisan da asistencia terapéutica que lles brindan os profesionais dos centros de día nas súas casas, non é entendible", apuntamento que foi perfeccionado pola muller dun dos usuarios de Raiola que acertou a dicir que "eu sei que mantelo na casa é estalo matando doutra maneira".

Para a formación nacionalista precísanse plans de desescalada máis ambiciosos e que vaian máis alá das cuestións estéticas, así como que se permita unha apertura dos centros de día "que sexa gradual e á medida" onde "a Xunta teña un papel activo para apoiar ao sector". A candidata do BNG lembrou que a Xunta de Galiza "abandonou durante toda a crise da pandemia a estes centros".

O papel da muller nas crises "sempre é o mesmo"

"Aquí reivindicamos hai uns poucos meses que a sala de partos non se podía pechar, fomos as mulleres quen lideramos esa loita e o feminismo estivo moi presente", lembrou Presas durante a comparecencia. A isto sumóuselle a mobilización convocada polo feminismo galego para o 8M na vila de Verín focalizada na atención e nos coidados que maioritariamente son tarefas levadas a cabo polas mulleres. "Estamos vendo como esta situación redunda na saúde das mulleres que deixan a súa vida e os seus traballos para asumir 24 horas ao día a tarefa dos coidados", denunciou Noa Presas.

Estamos vendo como esta situación -do peche dos centros de día- redunda unha vez máis na saúde das mulleres que deixan a súa vida e os seus traballos para asumir 24 horas ao día a tarefa dos coidados (Noa Presas, deputada do BNG no Parlamento de Galicia)

A "burla" de Feijóo con estas institucións

Logo da reunión foi a quenda das intervencións a pé de rúa. Despois de Presas Bergantiños, compareceu nos medios a directora do centro de día Raiola, Chelo Ferreiro, quen en pouco segundos e de xeito directo resumíu o sentir da maioría dos xestores deste tipo de entidades prestadoras de servizos sociais: "O do presidente da Xunta onte, permitindo que os centros de día abran con cita previa e atención individualizada, non só é unha verdadeira burla a todos nós, familias incluídas, senón que tamén amosa claramente que non ten a máis mínima idea do que é un centro de día", rematou Ferreiro Fernández. 

Que un centro de día abra con cita previa e atención individualizada non só é unha verdadeira burla a todos nós, senón que tamén demostra claramente que Feijóo non ten a máis mínima idea do que é un centro de día (Chelo Ferreiro, directora de Raiola)

Alberto Núñez Feijóo anunciou onte, en comparencia con Fabiola García, conselleira de Política Social da Xunta de Galicia, que os centros de día poderían abrir con cita previa e sempre con atención individualizada para cada un dos usuarios, sen precisar moito máis. 

A deputada do BNG Noa Presas pídelle a Feijóo en Verín que "deixe de vender fume" cos...
comentarios