sábado 06.06.2020
o Concello doará a partida que tiña orzamentada á investigación na procura da vacina para o COVID-19

O coronavirus, indesexable protagonista duns "maios 2020" nos que "os Pato" volven a escribir

O Concello de Verín vén de compartir nas súas redes os "maios" do 2020. Desta vez, só se poderán ler na Internet. O coronavirus é o indiscutible protagonista, nunhas coplas que contan, tamén, coa colaboración da familia do seu creador, Gómez Pato. Teñen todas as composicións no enlace que se achega con esta información. 

As coplas, este ano, están só dispoñibles en internet.
As coplas, este ano, están só dispoñibles en internet.

Os "maios" deste dramático 2020 serán lembrados, fundamentalmente, por non teren sido celebrados, como corresponde a unha festividade que saca ás rúas non só o inxenio dunha decena de colectivos elaborando construccións alegóricas con materiais naturais e algúns de refugallo, senón tamén fai que o inxenio e a sátira vaian da man nas coplas que posteriormente se venden para doar o recadado a unha institución benéfica. 

A pandemia orixinada polo virus asiático deixou aos verinenses sen disfrutar dunha das convocatorias lúdicas coas que case se estrea a tempada de verán de festexos. Pero non foi quen de deixar á cidadanía sen as composicións cargadas de ironía e denuncia, aínda que tamén amables, coas que se fai un verdadeiro repaso a todo o que aconteceu nos últimos meses. E, poida que como contraprestación merecida ao esforzo, entre os asinantes das coplas está, por primeira vez dende que Gómez Pato cedese a testemuña da súa orixinal iniciativa ao pobo verinense, o fillo deste, Antonio Gerardo Gómez Quesada, quen, animado polas súas fillas e en colaboración con ambas, decidiu iniciarse na composición para continuar a tradición familiar inaugurada polo home que lle deu a vida. 

A maioría dos participantes tiveron como fío común a pandemia que mantén á metade do mundo confinado, aínda que tamén houbo nas composicións algunhas lembranzas a outros dos fitos máis recentes acadados na vila, o da reapertura do paridoiro de Verín. Non faltan nas coplas deste ano moitas referencias á "loita" protagonizada polos sanitarios do país no combate corpo a corpo que manteñen por salvar as vidas daquelas vítimas do coronavirus. 

Os cartos orzamentados para a festa adicaránse á investigación 

Ao non ser posible a venda das coplas e a recadación de fondos solidarios para as asociacións participantes -así como a elaboración dos Maios Florais- debido ás restricións derivadas do actual estado de alarma, este ano o ente municipal doará, integramente, a cantidade orzamentada para devanditos festexos á investigación da vacina contra o COVID-19.

Así mesmo, o Concello ten habilitado un número de conta para facilitar doazóns de particulares e empresas que queiran colaborar con esta iniciativa solidaria. Hai dúas opcións, en función de se desexan obter o certificado e deducir a doazón ou non.

SEN CERTIFICADO

Doazón de 0 até 1.000 €, non deducible, realizando unha transferencia á conta do CSIC

ES07 9000 0001 2002 2000 0047

Indicar no concepto: "Donativo al CNB- CSIC".

CON CERTIFICADO DA DOAZÓN

Doazón de 0 até 5.000 €, deducible, realizando unha transferencia á conta do CSIC

ES07 9000 0001 2002 2000 0047

Indicar no concepto: "Donativo al CNB-CSIC (inclúe nome e apelidos (ou razón social) + DNI/CIF/NIE)"

O CSIC emitirá un certificado xustificativo da doazón e comunicará os datos a AEAT para que conste como deducible. Se queren recibir o certificado, deben escribir, identificando o donativo realizado, a [email protected]

O coronavirus, indesexable protagonista duns "maios 2020" nos que "os Pato" volven a...
comentarios