A muller, de 43 anos, é un dos tres novos casos diagnosticados no municipio verinense nas últimas horas

En corentena varios anciáns usuarios do servizo de axuda no fogar de Verín polo positivo dunha traballadora

Verín aumenta, unha xornada máis, o número de casos activos de coronavirus.

Un positivo entre as traballadoras do servizo de axuda no fogar do Concello de Verín obriga a colocar en corentena varios dos seus usuarios. 

Segundo vén de saber esta redación de fontes do Sergas, ás 15:00 horas deste mércores 9 de decembro coñecíanse, dende a mesma hora do pasado luns, tres novos casos diagnosticados de coronavirus no municipio verinense, entre eles, o dunha traballadora de 43 anos do servizo de axuda no fogar que xa facilitou o nome dos usuarios do mesmo cos que tivo contacto estreito e que xa están gardando a oportuna corentena establecida polas autoridades sanitarias. 

Ata primeira hora da mañá eran nove os casos activos en Verín, concello no que se está a incrementar de novo o número de contaxios, un total de sete en catro días. Vilardevós e Monterrei, con un; e Riós, cunha parella de maiores tamén contaxiados, completan a estadística que todos os días o Sergas facilita aos seus rexedores. 



Soben tamén os casos no veciño Chaves



Segundo a información máis recente rexistrada pola Unidade de Saúde Pública do ACeS (Agrupación de Centros de Saúde) do Alto Tâmega e Barroso, relativa ás 23:59 horas do pasado 7 de decembro, contabilizábanse en fase activa na veciña rexión portuguesa un total de 1.332 casos: 861 en Chaves, 159 en Valpaços, 183 en Vila Pouca de Aguiar, 15 en Ribeira de Pena, 32 en Boticas e 82 en Montealegre. Concretamente, en canto ao número de casos activos por cada 100.000 habitantes, Chaves supera os 2.343,5 casos, unha proporción moi por enriba da que rexistrara Verín no seu pico da segunda ola da pandemia, que non superara os 700.