luns 08/03/21
O antropólogo Miguel Losada estreará o calendario o vindeiro 9 de febreiro cunha charla sobre o Entroido

A Biblioteca de Verín adáptase á nova realidade e programa ciclos de conferencias e visitas virtuais

Sete videoconferencias temáticas en horario matinal e duns 30 minutos, e a posibilidade de que os escolares realicen visitas virtuais polo interior das súas instalacións constitúen a oferta cultural coa que a Biblioteca de Verín pretende adaptar a súa actividade ao estado de alerta sanitaria aínda vixente. 

Banner-Actividades2021-web
Participantes nas conferencias temáticas da Biblioteca Municipal de Verín. | FOTO: Biblioteca de Verín.

Ante a grave situación sanitaria, a Biblioteca Municipal do Concello de Verín adapta a súa programación organizando un total de sete videoconferencias temáticas, entre os meses de febreiro e xuño do ano 2021. Tamén poñerán á disposición dos centros escolares da vila visitas virtuais polas súas instalacións.

Inicialmente, estas charlas terán como primeiros destinatarios aos alumnos e alumnas dos centros escolares do municipio, pero posteriormente estarán a disposición do público xeral na canle de Youtube da Biblioteca. As conferencias impartiranse en horario matinal e terán unha duración de, aproximadamente, 30 minutos.

biblioteca-verinBiblioteca Municipal de Verín. | FOTO: arquivos. 

A concelleira de Educación, Festexos e Cultura, Emilia Somoza, o explica do seguinte xeito: ''Seguimos buscando fórmulas alternativas para manter a actividade cultural na nosa vila. Entendemos que nestes difíciles momentos, nos que todos estamos obrigados a permanecer tantas horas nos nosos fogares necesitamos buscar proxectos atraentes que usen as plataformas dixitais e que cheguen á cidadanía dunha maneira totalmente segura''.

Seguimos buscando fórmulas alternativas para manter a actividade cultural na nosa vila (Emilia Somoza, concelleira de Educación, Festexos e Cultura)

Ademais destas conferencias temáticas, os responsables da Biblioteca Municipal tamén ofrecerán aos centros escolares verineses a posibilidade de realizar unha visita guiada polas súas instalacións, explicando os fondos cos que contan así coma os distintos traballos e o valor que teñen as bibliotecas na vida das persoas.

Videoconferencias temáticas:

  • 9 Febreiro: estará o escritor e secretario da Soc. Antropolóxica Galega, Miguel Losada con  ''Cigarróns do oeste: Traxes, zamarras e pistolas''.
  • 3 Marzo: a escritora Toti Martínez de Lezea con ''O outro Camiño de Santiago''. Fará unha análise de como era realmente o Camiño de Santiago dende antigo, antes da súa maior difusión pola relixión cristiá.
  • 7 Abril: o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, e a profesora da USC, biógrafa de Xela Arias e crítica literaria, Montse Pena Presas con ''Letras Galegas 2021: Xela Arias''.
  • 30 Abril: o escritor Francisco Narla con ''Escribir o pasado'' e a presentación da súa última novela: ''Fierro''.
  • 7 Maio: o escritor e xornalista Domingo Villar con ''De ollos de auga ata o último barco: a serie de Leo Caldas''.
  • 21 Maio: a escritora e avogada, Ledicia Costas coa presentación do libro ''Infamia''.
  • 3 Xuño:  a escritora Eva Mejuto coa presentación do libro ''Memorias do silencio''.

A Biblioteca de Verín adáptase á nova realidade e programa ciclos de conferencias e...
comentarios