O concurso Pincha no Lázaro regresará con tres días de sabor en marzo | NOTICIAS VERÍN
O Concello de Verín, a través da concellería de Feiras, Transporte e Xuventude, organiza a terceira edición do concurso gastronómico Pincha no Lázaro, unha iniciativa que busca seguir promocionando a cultura culinaria da vila e dinamizar o sector hostaleiro apostando pola innovación, a calidade e o uso de produtos locais.
O certame desenvolverase os días 19, 20 e 21 de marzo, coincidindo coa festividade do Lázaro 2026. A proposta chega avalada polos bos resultados das edicións anteriores. Na pasada convocatoria servíronse 4.735 pinchos en só tres días, unha cifra que amosa a implicación dos establecementos e a elevada participación do público. Desde a organización destácase a vontade de consolidar esta cita como un dos principais atractivos gastronómicos da localidade nestas datas.
Poderán participar todos os locais hostaleiros de Verín con licenza de apertura en vigor. O prazo de inscrición permanecerá aberto do 24 de febreiro ao 2 de marzo de 2026, ambas datas incluídas. As solicitudes poderán formalizarse por correo electrónico en omic@verin.gal ou presencialmente na OMIC, situada na Casa da Xuventude.
No momento de anotarse será preciso achegar os datos completos do establecemento, teléfono de contacto, nome do pincho, relación de ingredientes, fotografía e días e horario de degustación. Establécese un horario mínimo de servizo de 12.00 a 14.00 horas e de 20.00 a 22.30 horas.
Cada local poderá presentar un único pincho, cun prezo fixo de 2,50 euros. O incumprimento desta condición suporá a descualificación. Ademais, será obrigatorio indicar de maneira visible os ingredientes para previr problemas relacionados con alerxias ou intolerancias alimentarias.
O sistema de valoración combinará un xurado técnico, que visitará os establecementos de forma anónima, e un xurado popular. O primeiro puntuará sabor, presentación e dificultade de elaboración cunha escala de 1 a 5. Pola súa banda, as persoas consumidoras poderán cubrir unha papeleta coa súa valoración, indicando os seus datos e depositándoa nun buzón habilitado en cada local. Non poderán votar familiares directos dos participantes.
As urnas retiraranse o domingo pola mañá e o reconto realizarase o 22 de marzo, levantándose acta co fallo definitivo.
O establecemento gañador recibirá un diploma acreditativo como campión, ademais de recoñecementos ao mellor sabor, mellor presentación e maior dificultade de elaboración. Entre o público sortearanse diversos premios: un vale de 100 euros para gastar nos locais participantes, un xamón, dous estuches de viño da D.O. Monterrei, un termo de alimentos sólidos, un bono regalo para unha escapada termal en Chaves, un lote gourmet e unha cesta de artesanía galega.
O sorteo celebrarase ás 13.30 horas e a entrega de premios terá lugar ás 19.00 horas no stand municipal, comunicándose previamente ás persoas gañadoras por teléfono.
A participación implica a aceptación íntegra das bases e do veredicto do xurado. A organización resérvase o dereito de modificar as normas ou deixar deserta a convocatoria se non se cumpre a finalidade do certame. Toda a información completa pode consultarse na web municipal.