sábado. 20.04.2024
Eugenio Quintas_médico02
O doutor especialista en Medicina Interna do hospital de Verín, Eugenio Quintas. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

O doutor Eugenio Quintas, facultativo do hospital especialista en Medicina Interna, estará este mércores, ás 20:00 horas, no centro de día Raiola, como ponente na terceira das charlas do ciclo que a institución verinense instaurou para mellorar a formación dos coidadores de maiores na comarca, sexan ou non usuarios da instalación pública do Concello de Verín. Falará das enfermidades que maior incidencia teñen nos anciáns e, tamén, do uso racional dos recursos sanitarios por parte dese colectivo. 

Aínda que é esa conferencia o que o trae ata as páxinas deste dixital, non podemos deixar pasar a oportunidade de preguntarlle pola reapertura do paridoiro, este luns. 

Creo que comparto a ledicia da maioría da poboación e de todos os meus compañeiros profesionais de Verín. Foi un grande éxito que se debeu, sen dúbida, á presión, presión que se debe manter para non deixar morrer o rural e para seguir loitando pola mellora dos servizos asistenciais deste hospital. Arestora, algún son unipersoais, como o de cirurxía. Hai outros moi deteriorados, como o de traumatoloxía ou mesmo o noso, o de medicina interna. O venres fóisenos a compañeira que estaba en HADO (Hospitalización a domicilio) e Coidados Paliativos, e estamos a velas vir. Guillermina Agulla chegou con moita vontade pero serán os resultados os que conten. 

Logo deste inciso, vamos ao que nos ocupa, a conferencia deste mércores en Raiola. Por que somos tan pouco considerados cos recursos sanitarios?

Creo que, fundamentalmente, por descoñecemento. A urxencias veñen casos que non deberían de vir, debería estar implantado un mellor filtro. En grande medida, a desinformación, a falta de formación dos coidadores fai que moitas veces se saturen os servizos de Urxencias dun hospital, cando son moitos os casos que se poderían xestionar dende o médico de familia ou cunha consulta externa. Pero, Urxencias é a única porta que está aberta as 24 horas do día, iso e a desesperación que un familiar pode experimentar pola falta dunha formación axeitada, fai que sexamos o primeiro recurso cando ás veces a patoloxía non o requira. 

Entendo que son os anciáns os principais consumidores de recursos. Unha mínima formación dos seus coidadores axudaría no aforro de recursos?

Un día normal, anciáns ou persoas dependientes son os que ocupan a meirande parte dun servizo de Urxencias. Se os seus coidadores tiveran unha formación mínima axeitada, isto é, sabendo manexar coñecementos moi básicos no tratamento das diversas enfermidades que aqueixan ao seu maior, de seguro que se conseguiría un grande aforro de recursos e se evitarían moitas situacións de desesperación. 

"Unha mínima formación aos coidadores de maiores aforraría moitos recursos sanitarios...