sábado 21.09.2019
Repiten as mesmas adicacións exclusivas do anterior mandato, cunha lixeira revisión dos seus salarios

A Corporación de Verín aproba o equipo de Goberno dos vindeiros catro anos

O pleno da Corporación municipal verinense aprobou este luns a estrutura organizativa do Concello de Verín. Tamén se sancionaron as retribucións dos concelleiros que contarán con adicación exclusiva e se fixou a periodicidade das sesións.

As sesións ordinarias da Corporación terán lugar todos os meses pares, o último dos venres. | FOTO: Carlos Montero
As sesións ordinarias da Corporación terán lugar todos os meses pares, o último dos venres. | FOTO: Carlos Montero

O salón de plenos da Corporación municipal aprobou esta mañá a distribución das diferentes áreas de goberno, así como as adicacións exclusivas e parciais asignadas a tres concelleiros do bipartito. Bota así a andar, de xeito oficial e práctico, o novo mandato do tándem entre PSdeG e BNG para os vindeiros catro anos, onde se aprecian algúns cambios con respecto ao anterior, froito do incremento do número de representantes nas dúas formacións constituíntes do pacto. Tamén se aprobaron os importes dos edís que contarán con retribución en exclusiva -dous deles- e un terceiro que o fará de xeito parcial. Así, tanto Rosario Rodríguez como Diego Lourenzo percibirán uns 40 mil euros anuais de salario bruto, aos que haberá que sumarlle o importe das cotizacións á Seguridade Social que correspondan. Julio Viéitez será outro dos concelleiros cunha remuneración acorde á súa adicación parcial, cuns 26.000 euros brutos anuais

Foi este punto o que suscitou o debate entre as bancadas do Goberno e a da oposición. Juan Manuel Jiménez optou unha vez máis por criticar a xestión económica que están a facer dende o bipartito, sinalando que "antes de fixar retribucións das adicacións exclusivas, deberían ter preparado un plan económico e financieiro, como así o solicitou o interventor, e tamén terlle pagado á xente a que se lle están a adebedar 2,7 millóns de euros". A réplica chegou por parte do teniente de alcalde, Diego Lourenzo, a quen o exalcalde responsabiliza da nula fiscalización das contas do concello. Lourenzo Moura lembroulle a Jiménez Morán que non é quen de fixar criterios retributivos "cando non sei se vostede sabe que tivo a unha teniente de alcalde que por unha adicación parcial cobraba máis de 40.000 euros, aínda que se falamos da rendabilidade das retribucións, podemos falar da súa como senador e do número de preguntas e intervencións que tivo nesa etapa", apuntou Lourenzo Moura. 

Así, logo deste pequeno rifirrafe, o pleno da Corporación aprobou os salarios fixados tanto para as adicacións exclusivas, parciais así como para o persoal de confianza da alcaldía, na figura da súa secretaria e tamén na do responsable de prensa institucional do Concello de Verín. 

PERIODICIDADE DAS SESIÓNS

O Pleno acordou tamén, por 13 votos (8 PSdeG-PSOE e 5 BNG) a favor e 4 abstencións do Partido Popular, realizar as súas sesións ordinarias bimensuais, o último venres dos meses pares, ás 10:00 horas. Se o día no que corresponde realizar a sesión ordinaria coincidise con festivo, realizarase o mércores desa mesma semana, á mesma hora. A oposición tentou sen éxito reducir a frecuencia das convocatorias plenarias, instando a que o resto dos grupos aceptasen a posibilidade de celebrar plenos con carácter mensual, algo que non foi tido en conta pola maioría do Goberno municipal. 

Ademais, quedaron totalmente distribuidas os cometidos de todos e cada un dos concelleiros integrantes do bipartito, do xeito que a continuación se detalla:

1. ÁREA DE URBANISMO, CASCO ANTIGO, PATRIMONIO E VIVENDA

Comprenderá o planeamento e a xestión urbanística do territorio, a vivenda social e a rehabilitación do casco antigo. Será a responsable de manter a disciplina medioambiental, abrir os oportunos expedientes por infraccións urbanísticas, ademais de xestionar os edificios en ruínas e os estacionamentos disuasorios. O seu responsable será o rexedor, Gerardo Seoane Fidalgo.

2. ÁREA DE FACENDA, MOCIDADE, TURISMO, EUROCIDADE E PARTICIPACIÓN CIDADÁ

Terá por misión a elaboración e xestión orzamentarias, así como o control dos tributos e a tesourería municipal. Xestionará as políticas para a mocidade, así como o fomento do turismo e a promoción dos balnearios e o termalismo. Diego Lourenzo será tamén o concelleiro da Eurocidade.

3. ÁREA DE PERSOAL E RÉXIME INTERIOR

Rosario Rodríguez volverá a ser a responsable da coordinación do cadro de persoal funcionario e laboral. Deberá optimizar os recursos humanos, capitanear a negociación laboral, convocar os respectivos procesos de selección de persoal, entre outras funcións. É tamén a edila encomendada para os cometidos inherentes ao Plan Xitano.

4. ÁREA DE DEPORTES E PEDANÍAS

O médico José Luis Martín Domínguez encargarase de deportes así como das instalacións municipais onde se practican. As parroquias e os seus pedáneos terano a el como interlocutor.

5. ÁREA DE XARDINS, OBRAS E SERVIZOS PÚBLICOS

Esta concellería, en mans de Julio Viéitez, encargarase da xestión da brigada de xardíns e obras. Baixo a súa supervisión estará a limpeza das rúas, a recollida do lixo, a iluminación, o cemiterio, o estacionamento soterrado na praza do Concello e o matadoiro municipal.

6. ÁREA DE TRÁFICO, SEGURIDADE CIDADÁ E PROTECCIÓN CIVIL

Comprenderá as seccións de tráfico, Policía Local e Protección Civil. Terá tamén como cometidos a seguridade cidadá, a coordinación das emerxencias, o control da venda ambulante e a ocupación das vías públicas para eventos ou establecementos comerciais. Cándida Couñago repite na mesma responsabilidade

7. TRANSPORTE, FEIRAS E HOSTELERÍA

Manuel Lorenzo Feijóo é unha das facianas novas deste grupo de Goberno. Será responsable do transporte e do control dos taxis. Tamén se encargará da xestión das feiras de postos ambulantes e de estar en permanente contacto co sector hosteleiro.

8. ÁREA DE EDAR (Estación Depuradora de Augas Residuais) E AUGAS

Vicente González Pérez entra tamén a formar parte do Executivo local. Da súa xestión dependerá o abastecemento de augas e o funcionamento da depuradora municipal.

9. ÁREA DE COMERCIO

María Isabel González Fernández, outra das persoas que chegan á Corporación municipal, ocuparase da promoción do pequeno comercio.


10. ÁREA DE CULTURA, EDUCACIÓN E FESTEXOS

Comprenderá os servizos de educación, como poden ser a Escola de Música, a Escola de Artes e oficios, así como a xestión dos centros culturais, entre eles o auditorio municipal. Emilia Somoza terá, catro anos máis, o mandato de seguir promocionando a cultura.                           

11. ÁREA DE SANIDADE E SERVIZOS SOCIAIS

Eugenio Quintas Albores entra tamén no Goberno do bipartito local asumindo a concellería de Servizos Sociais, que no anterior mandato estivo nas mans de outro médico, José Luis Martín. 

12. ÁREA DE DESENVOLVEMENTO RURAL E MEDIOAMBIENTE

As mascotas do municipio terán, nunha muller comprometida contra o maltrato animal, á súa valedora. Purificación Caldelas ocuparase tamén de fomentar as áreas rurais e da potenciación das zonas verdes do municipio

13. ÁREA DE DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

A promoción do emprego e a xestión dos parques empresariais será responsabilidade de Abelardo Meiriño.

A Corporación de Verín aproba o equipo de Goberno dos vindeiros catro anos
comentarios