domingo 20/09/20

O Concello de Verín presenta o Plan de Autoprotección para o Entroido 2020

Tras unha reunión celebrada o xoves 6 de febreiro, o Concello de Verín presentou o seu Plan de Autoprotección para o Entroido 2020, que recolle puntos como a mobilidade, os dispositivos de seguridade e información sobre os putos de evacuación.

Cigarróns pola avenida de Portugal.
Cigarróns pola avenida de Portugal.

Na reunión convocada pola área de Seguridade Cidadá do Concello de Verín, celebrada o xoves 6 de febreiro, presentouse o Plan de Autoprotección desenvolto para garantir a seguridade do Entroido 2020. A reunión acudiu a concelleira de Tráfico, Seguridade Cidadá e protección Civil, Cándida Couñago, xunto con representantes da Garda Civil, Policía Local, Protección Civil de Verín, Axencia Galega de Emerxencias -AXEGA-, Dirección Provincial de Emerxencias, CIS Ourense, 061 e Garda Civil de Tráfico.

Seguindo a liña que a área de Seguridade Cidadá do Concello de Verín está a desenvolver co obxectivo de organizar e garantir os medios e medidas necesarias en materia de seguridade de eventos para, que tanto os veciños como os visitantes poidan gozar do Entroido de Verín sen que se poña en risco a súa saúde e integridade física, elaborouse un Plan de Autoprotección para o Entroido 2020.

Devandito Plan reflicte a coordinación necesaria entre os diferentes equipos de emerxencia e os protocolos de actuación a seguir, no caso necesario, para garantir a seguridade do público e dos profesionais que desempeñan a súa labor nas diferentes actividades que forman parte do Entroido de Verín.

O Plan de Autoprotección contempla o reforzo dos equipos dos grupos de emerxencia que colaborarán nesta edición dos festexos: Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de Verín, A Gudiña, A Coruña e Ferrol, Policía Local de Verín, Garda Civil, Garda Civil de Tráfico, Axencia Galega de Emerxencias e a Empresa Ambulancias Sil.

Tamén se crearon grandes dispositivos de seguridade para o Domingo de Corredoiro, o Desfile Infantil, o Xoves de Comadres, o Venres de Compadreo, o Sábado de Entroido. e para os Desfiles do Domingo e Martes de Entroido.

  • Domingo de Corredoiro: Dende ás 10:30 horas haberá cortes de tráfico na N-525 (dende San Lázaro ata o cruce da rúa Deputación) e N-532 (dende a rúa Constitución e cruce coa Avenida Luís Espada) por mor do desfile dos Cigarróns. Ademais, contarase con efectivos de Protección Civil e unha ambulancia debido á gran concentración de persoas na praza García Barbón e arredores durante toda a mañá.

  • Desfile Infantil: O tráfico rodado do centro da vila estará controlado e regulado en todo momento por parte da Policía Local para evitar que vehículos de grandes dimensións e/ou de mercadorías perigosas queden atrapados no transcurso do desfile. Contarase tamén con voluntarios de Protección Civil e unha ambulancia.

  • Xoves de Comadres: Este dispositivo contará con preto de cincuenta efectivos. Os equipos estarán coordinados dende o Posto de Mando Avanzado da Axencia Galega de Emerxencias, situado na praza García Barbón, e que conta cun equipo de videograbación de seguridade. Haberá un posto sanitario situado na rúa Lisa con gran capacidade. Contarase coa presenza dun médico e dúas ambulancias.

  • Venres de Compadreo: Varios efectivos da Policía Local e Voluntarios de Protección Civil acompañarán aos centos de persoas que percorren as diferentes rúas da vila xunto cos carros do compadreo. Contarase tamén coa presenza dunha ambulancia.

  • Sábado de Entroido: Realizarase  un preventivo a noite do sábado no que se contará cun posto sanitario na rúa Lisa e unha ambulancia.

  • Desfiles do Domingo e Martes de Entroido: O dispositivo é similar a anos anteriores. Como o ano pasado, informarase a aquelas carrozas participantes nos desfiles que non queiran chegar ata ó final do percorrido (praza da Alameda) que teñen a única opción de facelo a través da ponte da N-525 que comunica co barrio de San Lázaro, co fin de evitar o colapso de rúas que serven de entrada a vehículos de emerxencia á zona do desfile. O  horario de corte de tráfico rodado nas Avenidas Luís Espada e Castela será o domingo a partir das 11:00 horas e o martes a partir das 16:00 horas. Ambos desfiles contarán co servizo de ambulancia por se fora necesario. Seguindo o acordo da última Xunta Local de Seguridade o Concello non permitirá o uso ou presenza de animais nos desfiles do Entroido.

Como parte da implantación do Plan de Autoprotección do Entroido de Verín 2020 realizouse un programa de información xeral ao público, que consta de consellos de seguridade a seguir no caso dunha emerxencia, así como o plano coas vías de evacuación da praza García Barbón e das zonas de aparcamento libre gratuíto, todo recollido no tríptico e no libro de Entroido que se reparten entre os veciños e visitantes. Para complementar isto, na praza García Barbón instaláronse carteis informativos coas súas vías de evacuación.

O Plan de Autoprotección tamén conta cun Plan de Mobilidade, que aborda aspectos como o medio ambiente, seguridade viaria, usos de vehículos privados, transporte público, uso do espazo público, características socio-económicas e concienciación. Debido ao incremento de persoas e de vehículos nos días centrais do Entroido inténtase desenvolver unha folla de ruta que logre unha mobilidade sostible para mellorar a calidade de vida no medio urbano. O aumento da seguridade vial, diminución da contaminación e do tráfico son algúns dos obxectivos que ten devandito Plan. Para conseguir esta cuestión, o Concello de Verín recomenda aos veciños así como aos visitantes que intenten reducir a utilización do vehículo privado e accedan ó centro da vila a pé.

Este ano, o Plan de Mobilidade conta tamén coas zonas de aparcadoiro libre gratuíto recentemente implementadas en puntos estratéxicos da vila para alixeirar a presión do tránsito viario no centro de Verín.  Todas estarán en funcionamento agás a zona da Alameda, que permanecerá pechada debido a presenza de atraccións de feira.

En definitiva, para a elaboración deste Plan de Autoprotección para o Entroido, o Concello de Verín tivo en conta as características das diferentes actividades programadas nesas datas, os lugares nos que se desenvolven, as características da festa e do público asistente.

O Concello de Verín presenta o Plan de Autoprotección para o Entroido 2020
comentarios