jueves. 25.04.2024
b0aa7d1d-2ce8-41a4-bd33-f4842da296ae
Vehículo Seat Córdoba da Policía Local de Verín. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

Os funcionarios do corpo da Policía Local do Concello de Verín, por medio do seu representante na CIG (Confederación Intersindical Galega), veñen de denunciar perante o alcalde, Gerardo Seoane, e por escrito; as carencias coas que se enfrontan para a realización do seu traballo de xeito eficiente. Por iso, piden que o equipo de Goberno actual tome medidas urxentes para terminar con esta precariedade.

O primeiro dos puntos que se abordan no escrito facilitado pola CIG amosa a indignación total ante a falta de vehículos de dotación oficial. Neste sentido, manifestan que o único automóbil dispoñible con rotulación era un Nissan Qashqai, pero os deixou tirados na Noite de Reis. A cousa non mellorou cando lles facilitaron un Seat Córdoba que se atopaba en moi mal estado, sen rotular, sen luces de emerxencia e co sistema de calefacción avariado. Chegou un punto no que ambos vehículos estaban no taller e a Policía Local de Verín non contaba con ningún medio para realizar o seu labor.

Pero non só hai carencia no referente aos medios de transporte, senón tamén de persoal, cunha plantilla formada por oito policías e un inspector. Isto obrigou á supresión, en continuas ocasións, de certos servizos indispensables para a localidade como, por exemplo, a patrulla das rúas. ''As veces un só axente vese na obriga de ter que facer fronte a certas intervencións, quedando relegado a unha situación de especial vulnerabilidade motivada pola incertidume de non coñecer de antemán o que se vai atopar ao acudir á chamada sen apoio doutro compañeiro''.

As veces un só axente vese na obriga de ter que facer fronte a certas intervencións, quedando relegado a unha situación de especial vulnerabilidade (representante da Policía Local de Verín)

Sen embargo, isto non termina aquí. Nun momento no que é indispensable a protección fronte a Covid - 19, reclaman a falta de medios para súa correcta seguridade. Así afirman que ''case a metade da nosa plantilla xa tivo que gardar illamento preventivo por contactos estreitos con algún caso positivo pola Covid - 19. Tamén no exercicio das nosas funcións, tivemos contacto con xente contaxiada ou sospeitosa de estalo''.

No exercicio das nosas funcións, tivemos contacto con xente contaxiada ou sospeitosa de estalo (representante da Policía Local de Verín)

Aínda que dispoñen de luvas, xeles hidroalcohólicos e máscaras cirúrxicas, consideran que estas últimas non son as máis doadas para abordar os traballos diarios. Por iso, piden máscaras FFP2, que teñen como finalidade filtrar o aire evitando a entrada de partículas contaminantes ao organismo. Tamén recalcan a falta de Equipos de Protección Individual (EPIS) para afrontar casos de posible contaxio durante as intervencións e a necesidade dunha revisión médica anual.

''Facemos este chamamento para que se tome conciencia destas carencias que veñen afectando ao noso servizo dende hai tempo e para que se poña remedio con carácter urxente a esta situación''. Con estas palabras de desesperación finalizaba o escrito.

Facemos este chamamento para que se tome conciencia destas carencias que veñen afectando ao noso servizo dende hai tempo (representante da Policía Local de Verín)

A CIG denuncia a "precariedade" coa que prestan os seus servizos os axentes da Policía...