Venres. 29.03.2024
O grupo de Goberno pretende reducir a factura anual do consumo eléctrico dos 600.000 euros actuais a 80.000

O Concello de Verín prevé instalar paneis fotovoltaicos en todos os edificios públicos municipais

A instalación de paneis fotovoltaicos nos edificios públicos de titularidade municipal verinense porá fin ao proxecto global de substitución dos elementos de iluminación no Concello de Verín, que ten por obxectivo reducir a factura da electricidade nun 80 por cento e mellorar a intensidade lumínica. 

Vista aérea do Concello de Verín. | FOTO: Carlos Montero / Manu San Martino
Vista aérea da Casa do Concello de Verín e da súa praza. | FOTO: Carlos Montero / Manu San Martino.

O grupo de Goberno municipal tenlle a guerra declarada á factura mensual da electricidade. O alcalde de Verín, Gerardo Seoane, anunciou en Diario do Támega que técnicos especializados redactan xa o proxecto de instalación de paneis fotovoltaicos en todos aqueles edificios de titularidade municipal que o permitan, isto é, que teñan unha clara orientación ao sur para un maior aproveitamento da enerxía do sol. 
Así, segundo explicou o rexedor, colocaranse paneis de produción de enerxía eléctrica na casa do concello, na biblioteca municipal, nos pavillóns polideportivos (Irmáns Moreno e A Granxa), así como nas escolas de titularidade local (Amaro Refojo, Módulos e Princesa de España). Persegue o bipartito de socialistas e nacionalistas reducir o consumo eléctrico "naquelas instalacións que precisamente o rexistran durante as horas de intensidade lumínica aproveitando que o sol pode estar xerando a enerxía que se consuma", explicaba Seoane Fidalgo. 
Con esta actuación, que está prevista comece a desenrolarse no 2021, o recibo da enerxía eléctrica por todos os conceptos podería reducirse en máis dun 80 por cento, pasando dos actuais 600.000 euros ata os pouco máis de 80.000 estimados unha vez conclúan todos os plans iniciados polo Concello de Verín en materia de aforro enerxético. 
 

Catro fases, dúas delas xa en marcha
 

A instalación de paneis fotovoltaicos nos edificios públicos municipais constitúe a cuarta e derradeira fase dun plan iniciado polo grupo de Goberno hai cáseque dous anos. Comezou coa execución da substitución das luminarias da vila, que xa se está realizando, cun orzamento dun millón de euros e que está subvencionado polo IDAE (Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía) nun 80 por cento, isto é, cuns 800.000 euros.
A segunda das fases, o cambio de luminarias nas aldeas do municipio, está en trámite de licitación. O orzamento é de 574.000 euros, dos que tamén o IDAE financia un 80 por cento. As dúas anteriores actuacións, xa presupostadas e subvencionadas, suporán unha inversión de 1,6 millóns de euros nos vindeiros meses por parte do Concello de Verín. Con estas dúas fases xa se reducirá, de xeito considerable, a factura da enerxía eléctrica, pero aínda quedarán dúas máis no planeamento inicial. 


A terceira das fases, cun orzamento duns 200.000 euros, prevé a substitución de todas as lámpadas nos diferentes edificios públicos, a tecnoloxía LED, que non só permite reducir o consumo senón coa que tamén se consegue mellorar a intensidade lumínica de cada un dos focos existentes. 

Por último, para rematar co proxecto de aforro enerxético referido á iluminación, o Concello de Verín proxecta arestora a instalación dos paneis fotovoltaicos -para os que tamén se solicitará unha subvención, ao igual que na anterior fase- que convirtan aos edificios públicos municipais en autosuficientes, "manténdose unicamente o consumo dalgúns elementos como poden ser determinadas bombas de auga nas depuradoras, tanto de auga potable como de residuais, que necesariamente teñen que seguir abastecéndose da enerxía eléctrica da rede", rematou Gerardo Seoane. 

O Concello de Verín prevé instalar paneis fotovoltaicos en todos os edificios públicos...