Venres. 29.03.2024
Gerardo Seoane deixa entrever a posibilidade de que o periodo de clausura se alongue se as cifras non melloran

Verín adicará uns 100.000 euros en sufragar os gastos dos bares durante o seu peche, que podería prolongarse

O bipartito verinense estima que farán falta arredor duns 100.000 euros para tentar paliar o quebranto de caixa que lle suporá ao cento de bares da vila ter pechado, de xeito voluntario, ata o vindeiro 22 de outubro. A partida orzamentaria pode verse incrementada se é que o periodo de clausura dos establecementos se alonga. Todo dependerá da evolución das cifras e do comportamento dos verinenses.

Gerardo Seoane, o alcalde, atendendo a un dos moitos medios de comunicación estatais que se pasearon por Verín nas últimas xornadas. | FOTO: Noelia Caseiro.
Gerardo Seoane, o alcalde, atendendo a un dos moitos medios de comunicación estatais que se pasearon por Verín nas últimas xornadas. | FOTO: Noelia Caseiro.

O Concello de Verín tentará paliar a falta de ingresos dos titulares dos establecementos de hostalería pechados de xeito voluntario cunha partida específica que rondará os 100.000 euros con cargo aos orzamentos do ano en curso. Son os cálculos que -estiman os responsables municipais- custará a medida logo de que un cento de propietarios de bares da vila decidiran, de xeito voluntario aínda que incentivados polo bipartito, pechar as súas portas entre o día 13 e o 22 de outubro. Malia todo, é o propio rexedor municipal, Gerardo Seoane, o que considera que esta cantidade orzamentada pode que non sexa suficiente "se é que o periodo de peche se alonga. Marcouse como horizonte o vindeiro 22 de outubro, pero as cifras estanse mantendo en niveis moi elevados. Serán as vindeiras 72 horas as que determinen se é aconsellable volver a subir as persianas ou deixalas como están", afirmou o primeiro edil da Corporación verinense. 

O prazo para a solicitude do primeiro pago, o dos 300 euros, xa está aberto e remata o vindeiro 31 de outubro. O do segundo e máis importante, a aportación coa que se tentará paliar o quebranto de caixa dos dez días de parón, poderá solicitarse dende o día seguinte ao da suspensión voluntaria da actividade e ata o 23 de decembro
 

Quen pode ser beneficiario das axudas?

Poderán ser beneficiarios destas axudas os traballadores autónomos e empresarios que exerzan a súa  actividade económica como café-bar no Concello de Verín e que se visen afectados pola crise derivada da COVID - 19.

Para estes efectos, consideraranse beneficiarios as persoas físicas que sexan titulares dun café-bar no Concello de Verín e que cumpran os seguintes requisitos:

  • Ser traballadores autónomos, incluídos no réxime especial de traballadores autónomos. Entenderanse incluídos todos os traballadores aos que se refire o artigo 1 da Lei 20/2007, de 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo, coa excepción dos autónomos colaboradores (cónxuxe ou familiares ata o segundo grado de consanguinidade, afinidade ou adopción que convivan co traballador autónomo titular da actividade económica, realicen traballos retribuídos e non teñan a consideración de traballadores por conta allea).
  • Atoparse de alta no correspondente réxime de Seguridade Social.
  • Recibo do lixo do ano en curso que demostre que o local está activo.
  • Ter cesado a súa actividade conforme ao acordo consensuado adoptado polos hostaleiros de Verín a partir do 13 de outubro de 2020 ás 20:00 horas.

Se fose unha persoa xurídica a titular dun café-bar no Concello de Verín, debería cumprir os seguintes requisitos:

  • Ser sociedades legalmente constituídas.
  • Recibo do lixo do ano en curso que demostre que o local está activo a nome da sociedade.
  • Ter cesado a súa actividade conforme ao acordo consensuado adoptado polos hostaleiros de Verín a partir do 13 de outubro de 2020 ás 20:00 horas.

 

Un anticipo inmediato e un pago posterior

As axudas económicas constan de dous importes a percibir en dous períodos de tempo diferenciados:

  • Por unha parte, un anticipo fixo de 300 euros: que poderá solicitarse dende o xoves 15 de outubro de 2020 ata o 31 de outubro de 2020.
  • Por outra parte, un importe  económico  variable  prorrateado en base aos gastos fixos do establecemento durante o período de peche (alugueiro ou hipoteca, salarios, seguridade social e subministros). Estes deberán solicitarse a partir da data na que finaliza a medida (venres 23 de outubro de 2020) e ata 23 de decembro de 2020.

 

Documentación a achegar

Anticipo fixo de 300 euros en concepto de perdas ocasionadas pola adopción do peche voluntario

As persoas interesadas deben cubrir un modelo de solicitude, que estará á súa disposición no Concello,  xunto ca seguinte documentación:

  • Recibo do lixo do ano en curso ou liquidación de Facenda do último trimestre, para comprobación de negocio en activo.
  • Declaración responsable de peche do establecemento e de cumprimento dos requisitos para ser beneficiario da subvención.
  • Número de conta.
  • Relación de datos dos traballadores (nome, apelidos, DNI e teléfono) para a realización da PCR.
  • Todos os formularios estarán á disposición dos interesados no rexistro da Casa do Concello.

 

Importe económico variable prorrateado en base os gastos fixos do establecemento durante o período de peche

  • Contrato de alugueiro ou hipoteca do mes de outubro.
  • Nóminas dos traballadores afectos á actividade no mes de outubro - Recibo de autónomo do mes de outubro.
  • TC da Seguridade Social dos traballadores afectos á actividade.
  • Facturas de subministros (auga e luz) do mes de outubro.

 

Onde e como presentar a documentación?

Todas as solicitudes serán rexistradas na Casa do Concello (entrada á man dereita). A presentación poderá realizarse de modo presencial ou telemático, neste último caso a través da sede electrónica do Concello de Verín (http://verin.sedelectronica.gal).

Así mesmo, para a concesión do anticipo será necesaria a presentación dunha declaración responsable de peche. No caso de que durante o período estipulado, o establecemento non cumpra as condicións de peche continuado, terá que reintegrar o importe do anticipo e non terá dereito á concesión do segundo importe.

Para a concesión do importe económico variable, os funcionarios comprobarán que houbo resolución favorable para a concesión do anticipo. Do mesmo xeito, solicitarase á Policía Local un informe que certifique o peche do establecemento durante o período estipulado.

Verín adicará uns 100.000 euros en sufragar os gastos dos bares durante o seu peche,...