Xoves. 28.03.2024
A edila de Persoal do Concello de Verín, Rosario Rodríguez.
A edila de Persoal do Concello de Verín, Rosario Rodríguez.

O Concello de Verín vén de dar conta no pleno, no que tamén se debatiron os orzamentos adiantados por Diario do Támega, das listas de contratación de persoal laboral contratado e nas que se poderán inscribir todos aqueles demandantes de emprego que queiran prestar os seus servizos para o consistorio verinense de xeito temporal. Resólvese así unha das vellas demandas que permitirá suplir vacantes tanto de funcionarios como de persoal laboral fixo do Concello de Verín de xeito áxil e sen proceder aos engorrosos trámites burocráticos que establecían as bases de contratación existentes. 

Así, no momento no que se aproben vía decreto, estableceranse unha serie de postos de traballo para os que a concellería de persoal do Concello de Verín, que dirixe a edila Rosario Rodríguez, estima que haberá demanda. Todos aqueles que cumpran os requisitos fixados na norma, poderanse inscribir acreditando os méritos acadados tanto nas súas prestacións de servizos para a empresa pública como na empresa privada. As listas de contratación existentes -e que non estaban en vigor- establecían que os méritos da prestación de servizos para a empresa privada só se podían acreditar e seren baremables se estes se prestaron nos últimos cinco anos. As avanzadas no pleno de hoxe permiten que a experiencia adquirida, tanto na empresa pública como na privada, non teñan límite temporal. 

A concelleira de Persoal, Rosario Rodríguez, afirmou, logo de teren aprobadas as novas listas, sentirse "moi satisfeita por pór en marcha un procedemento que permitirá que a contratación deste Concello sexa moito máis áxil e pola que se permitirá que a prestación de servizos non se vexa danada cando a hipotética baixa laboral dun funcionario ou dun traballador fixo se dé. Coa asunción dos servizos da recollida de lixo e mesmo do da axuda no fogar, o que supón contar con arredor de 50 traballadores máis, temos que ter en conta que imos precisar substituír a algúns deles de xeito inminente cando se dea un proceso de baixa laboral temporal. Eses dous son servizos imprescindibles que non poden verse perxudicados por falta de persoal", asegurou Rodríguez Delgado. 

O Concello de Verín aproba as listas de contratación de persoal temporal inactivas...