Venres. 29.03.2024
Poderase asinar ata o vindeiro 15 de febreiro do 2021

Comeza a recollida de sinaturas para convertir a Félix Rubial en persoa non grata en Verín

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Comarca de Monterrei comezou este mércores a repartir polos establecementos da vila os primeiros formularios de recollida de sinaturas para convertir ao xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras en persoa non grata en Verín. Poderase contribuír á causa ata o vindeiro 15 de febreiro do 2021. 

A voceira da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Monterrei, Aurora Sola, entregando os formularios das sinaturas.
A voceira da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Monterrei, Aurora Sola, entregando os formularios das sinaturas.

Tal e como anunciara na concentración do pasado 30 de novembro diante do hospital de Verín, en respaldo ao doutor Javier Castrillo polo expediente aberto por indicación da Xerencia da Área Sanitaria da provincia de Ourense, dende hoxe e ata o vindeiro 15 de febreiro de 2021 estarán dispoñibles en boa parte dos establecementos comerciais da vila unha folla -ou varias- de recollida de sinaturas para solicitar ao Concello verinense a declaración de persoa non grata de Félix Rubial Bernárdez, o médico que dirixe os servizos sanitarios públicos na provincia e responsable máximo da idea -frustrada- de pechar o paridoiro verinense. 

Aurora Sola, voceira da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Comarca de Monterrei, percorreu esta mesma mañá varios dos locais para facerlle entrega dos formularios e subliñou que "non só estarán dispoñibles en Verín, senón tamén por toda a comarca, para que os usuarios desta sanidade pública, que non deixan de denostar dende esta Xerencia, poidan expresar, coa súa sinatura, a repulsa máis directa", afirmou. 

Comeza a recollida de sinaturas para convertir a Félix Rubial en persoa non grata en Verín