Aever anuncia que se suma á concentración diante das portas do hospital comarcal

Os comercios de Verín baixarán as súas persianas para apoiar ao doutor Castrillo este luns

Este luns, as portas do hospital de Verín volverán a estar arroupadas por centos de manifestantes en apoio ao doutor Castrillo. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

Comerciantes da vila pecharán os seus establecementos este luns ás 11:00 horas e concentraranse tamén nas rúas de Verín en apoio ao doutor Castrillo

A asociación de empresarios e empresarias do concello de Verín, Aever, vén de facer público que os seus asociados participarán -ao igual que boa parte do resto do tecido comercial e industrial da vila non pertencente ao seu colectivo- nun paro de dez minutos diante das portas dos seus establecementos en apoio ao doutor Castrillo Gutiérrez e coincidindo coa concentración que terá lugar no hospital comarcal convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Comarca de Monterrei. Entre as 11:00 e as 11:10 horas, os propietarios sairán ás rúas e, ás portas dos seus establecementos, participarán na protesta. 

José Ángel Rodicio, xerente de Aever, afirmou que "o apoio que o doutor Castrillo prestou á causa do peche do paridoiro foi fundamental para que se revertise esa decisión da Xunta de Galicia e agora merece todo o noso respaldo porque a súa integridade persoal e profesional está fóra de toda dúbida", dixo.