mércores 26.02.2020
"Verín non se pecha" foi unha das frases máis coreadas este domingo nas rúas de Santiago

Verín, baluarte da maior manifestación contra os recortes de Feijóo na sanidade

A doutora verinense Carme Sola, sostendo un cartel de "Verín non se pecha" na praza da Quintana compostelana. | FOTO: EP / Álvaro Ballesteros
A doutora verinense Carme Sola, sostendo un cartel de "Verín non se pecha" na praza da Quintana compostelana. | FOTO: EP / Álvaro Ballesteros

Preto de 10.000 persoas manifestáronse este domingo na capital de Galicia en contra da "deterioración" e "desmantelamento" da sanidade pública galega que implantou "o Goberno de Feijóo en once anos de mandato".

A berro de "Feijóo escoita, Galiza está en loita", a manifestación convocada por SOS Sanidade Pública partiu da Alameda e foise estendendo polas rúas máis céntricas de Compostela até acabar na Praza da Quintana. Mentres a cabeza da protesta chegaba ao punto de destino, os últimos manifestantes estaban a saír aínda do parque santiagués.

Manifestación na praza da Quintana de Santiago.A Praza da Quintana de Santiago, ateigada de persoas e paraugas. | FOTO: Eloi Domínguez. 

Cidadanía, asociacións, organizacións sindicais e todos os partidos políticos da oposición no Parlamento de Galicia mostráronse "unidos" fronte a unha "Xunta que fai ouvidos xordos ao clamor popular", que este domingo fíxose notar na rúa de forma masiva, pero que se reivindica cada semana en diferentes puntos de Galicia fronte a centros de saúde e hospitais comarcais.

Moitos son os motivos que trouxeron a estes miles de galegos e galegas -máis dun milleiro dende Verín- a Santiago nesta xornada de manifestación. A todos úneos "a dignidade e os dereitos para as persoas" que demandan ao Goberno galego en materia de sanidade, un "dereito universal" que debe estar "garantido", ser "accesible, eficaz e equitativo" en calquera parte do territorio.

As reivindicacións para A Estrada, Dozón, A Rúa, Costa da Morte, A Mariña ou Lalín estiveron presentes nos centos de pancartas que portaban os protestantes. Con todo, o baluarte e "mellor exemplo" da mobilización estivo protagonizado por Verín.

A verinense Aurora Sola leu parte do manifesto dos convocantes

"Verín non se pecha" foi unha das frases máis repetidas e que soou con máis forza na Praza da Quintana, onde se leu un manifesto no que SOS Sanidade Pública aseguraba que esa concentración facíase eco "de todos os territorios aos que se lles están negando os seus dereitos". Aurora Sola, voceira da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública na comarca de Monterrei, foi unha das que se dirixiu ao público presente nas rúas santiaguesas.

A decisión da Xunta de pechar o paridoiro do Hospital Comarcal de Verín e suprimir o servizo de urxencias pediátricas en decembro espertou a desconformidade dos veciños de Monterrei, que protagonizaron mobilizacións que superaron a esfera autonómica e chegaron á opinión pública a nivel nacional.

A Consellería de Sanidade argumentou distintos motivos para explicar o peche dese paridoiro, pero finalmente deu marcha atrás e reabriu o servizo o pasado 3 de febreiro. A plataforma SOS Sanidade Pública cualificou por aquel entón esa decisión dunha "discriminación ao rural", unha máis que se suma ás doutros concellos que viron minguados os servizos de Atención Primaria, Urxencias ou dos Puntos de Atención Continuada.

A oposición, da man fronte a Xunta

En canto aos partidos da oposición, estes uníronse baixo unha mesma causa: a defensa da sanidade pública de calidade. Entenden este servizo como un dos "alicerces" de calquera Goberno e así o trasladaron ao Parlamento galego en diversas ocasións nos últimos tempos a través de iniciativas parlamentarias que foron rexeitadas polo PPdeG.

De feito, a sanidade converteuse no cabalo de batalla das últimas sesións de control ao presidente que se celebraron no Pazo do Hórreo. Respecto del, tanto PSdeG, como BNG, Grupo Común da Esquerda e En Marea coincidiron en que a convocatoria deste domingo "marca o fin de Feijóo ao mando da Xunta de Galicia".

Gonzalo Caballero (PSdeG) sostén que "nestes últimos meses" anteriores ás eleccións autonómicas, a cidadanía e a oposición manterán "o pulso" a un Goberno popular cheo "de erros e fracasos".

Neste sentido, Montse Prado (BNG) tachou de "balance demoledor" os once anos de mandato de Núñez Feijóo, que "deixan menos e peor sanidade pública mentres reforza a sanidade privada". Lembrou os 200 concellos que se atopan sen servizo de pediatría, a "destrución aos poucos" dos hospitais comarcais e os 142 millóns de euros menos dedicados á Atención Primaria nos Orzamentos de 2020 da Comunidade.

Fronte a estes feitos, Eva Solla (Grupo Común da Esquerda) ten claro que este acto reivindicativo deixa dúas mensaxes. "Os galegos e galegas dixeron que xa basta de recortes" e que existe "unha unidade de toda a oposición fronte ao Goberno do PP" que traballará para "eliminar á dereita nas próximas eleccións".

A mesma reflexión realizouna Luís Villares (En Marea), quen definiu a situación do actual xefe de Goberno como un líder "derrotado" despois de "maltratar" a sanidade e o rural galego. Tamén falou para os medios o tenente de alcalde de Laza, Jorge Lorenzo, sumándose á crítica do líder da formación que representa, segundo se ve no seguinte vídeo:

Unha plataforma sen "interese partidista"

Pola súa banda, o presidente de SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, asegurou que a súa plataforma "só se move polo afán de mellorar a sanidade pública" e non por ningún "interese partidista".

En calquera caso, considera que "a política neoliberal" e "as accións do PP baseadas na falsidade e o engano" son "incompatibles" cun sistema de "calidade" como o que defenden. Non nega o factor político da manifestación, "todo nesta vida é política", pero asegura que non é "cuestión de partidismo" e desde a súa organización están "dispostos a falar co Partido Popular".

Piden ao Executivo autonómico que non continúe "transformando o sistema sanitario nunha oportunidade de negocios para as empresas multinacionais e os fondos de investimento". Ao mesmo tempo que denuncian a "perda de calidade, capacidade resolutiva dos centros de saúde" e a "conxestión de urxencias hospitalarias".

Tamén urxen "ofertar prazas de medicina familiar, pediatría, enfermaría, psicoloxía, fisioterapia, logopedia ou terapia ocupacional", entre outras, para facilitar un "servizo de Atención Primaria Integral".

No referente ás condicións laborais dos traballadores, SOS Sanidade Pública entende que os sanitarios sofren "precariedade e contratos lixo" por culpa dunhas "xerencias politizadas e irracionais".

Estas, entre outras, foron as reivindicacións máis sinaladas dunha xornada marcada "polo clamor" nas rúas, que non temeu "ao mal tempo" e que confía no "poder das reivindicacións populares".

Verín, baluarte da maior manifestación contra os recortes de Feijóo na sanidade
comentarios