Xoves. 28.03.2024
O centro de día de Verín vén de cumprir o primeiro ano de vida coas instalacións pechadas de xeito temporal

Medio cento de familias confiaron os seus maiores a Raiola, que alcanzou nun ano o 66 por cen da súa ocupación

Ata medio cento de usuarios chegou a atender Raiola nalgúns dos días do seu primeiro ano de vida nas súas instalacións. A acollida da prestación dun servizo moi demandado na vila foi "moi boa", di a súa directora, Chelo Ferreiro, alcanzando nos primeiros 12 meses o 66 por cen da súa ocupación. O 13 de marzo, adiantándose ao confinamento masivo da poboación, cesou de xeito temporal a súa actividade. Cumprirían un ano o pasado 8 de abril. Víronse obrigados todos a festexalo na distancia. 

Aínda que no centro de día Raiola traballan moito cos seus usuarios, non falta tampouco o tempo de lecer entre eles.
Aínda que no centro de día Raiola traballan moito cos seus usuarios, non falta tampouco o tempo de lecer entre eles.

Logo de moitos atrancos burocráticos que retrasaron de xeito considerable a súa apertura, varias modificacións da ordenanza reguladora -entre elas a modificación dun artigo que inicialmente renunciaba, de xeito incomprensible, ás libranzas da Xunta de Galicia- e unha considerable delación dos procementos administrativos, un dos proxectos estrela do bipartito verinense, un centro de día para maiores, acabou vendo a luz e abrindo de xeito oficial con todos os parabéns dos órganos de control, co nome de Raiola, que así se denomina comercialmente a entidade mercantil que lle da forma, Xerontoloxía Verín, S. L. 

Detrás del, unha enfermeira -Chelo Ferreiro- que deixou a súa carreira profesional no Servizo Galego de Saúde, para afrontar, en réxime de concesión administrativa para os vindeiros 15 anos, a posta en marcha e posterior xestión dunha instalación municipal confortable, amplia, perfectamente adaptada para todas as necesidades e cun equipo humano ao coidado dos anciáns integrado por oito persoas.

Ata que o Concello de Verín recomendou o cese temporal da actividade, anticipándose ás propias prohibicións da Xunta de Galicia de manter abertos os centros de día polo andazo do coronavirus, Raiola levaba case un ano apoiando física, anímica e emocionalmente a máis de trinta usuarios, alcanzando en só dez meses máis do 66 por cento da súa ocupación total e chegando a ter ata 50 maiores nalgúns dos días ao seu cargo. 

Oferta unha xornada que é a máis ampla de todos os centros de día privados e públicos da comunidade autónoma, abre entre as oito da mañá e as oito da tarde, facilitando unha perfecta conciliación familiar daqueles integrantes que traballen e os seus anciáns. Almorzo, comida e cea, amais do transporte, son o resto de servizos esenciais, aínda que tamén se ofertan outro moitos, como os de fisioterapia, psicoloxía ou máis estéticos, como os de podoloxía e perruquería. 

Actividade pechada de xeito temporal

O inédito estado de alarma que se decretou o pasado 14 de marzo interrumpiu a súa actividade e impediu que tanto os seus usuarios como o seu persoal festexasen por todo o alto o primeiro ano de actividade de Raiola, centro de día para maiores de Verín, un aniversario que a súa directora non sabe moi ben se anotalo ou deixalo para cando se reanude o servizo e deixar o balance dos primeiros 12 meses para máis adiante: "Non sei se procede agora ou deberiamos agardar a que se cumpriran os 12 meses de actividade real para facer un balance de como foi este primeiro ano. Si é certo que se bota moito de menos aos nosos usuarios e penso en como eles poden estar sofrindo este parón, que para eles é unha ruptura total coa rutina que tiñan no noso centro de día. Non podemos esquecer que para eles o periodo de adaptación a unha nova realidade é moito máis costoso que para un adulto, e máis se o cambio é así de brusco", apunta Chelo Ferreiro

Nada disto sería posible sen a ilusión e paixón polo traballo dos meus colaboradores, aos que admiro pola resistencia emocional que amosan día a día

Lembra as dificultades surxidas ao inicio da prestación do servizo, "como calquera actividade que comeza, con moitas dificultades iniciais, con moito que arranxar no centro de día por algún equipamento do que aínda non estaba dotado, e adaptándonos todos entre todos, nós aos nosos usuarios. Non é o mesmo facer un balance cando un centro leva en funcionamento cinco ou seis anos que facelo no primeiro, neste caso é sempre positivo por comezamos de cero e chegamos a acadar en dez meses o 66 por cento da capacidade máxima da instalación. Nada disto sería posible sen a ilusión e paixón polo traballo dos meus colaboradores, aos que admiro pola resistencia emocional que amosan día a día", remarca a diretora do centro de día para maiores de Verín, Raiola.

Chelo Ferreiro, directora do Centro de Día Raiola de Verín.Chelo Ferreiro, a enfermeira diretora do centro de día Raiola de Verín. 

Chelo Ferreiro tamén se amosa moi satisfeita do acadado nestes primeiros 12 meses, tentando desterrar a idea de que o centro de día é coma o salón da casa no que sempre se está de festa: "Festa, si, cando celebramos o cumpreanos dalgún usuario, pero eu diría que ese salón é o máis semellante a unha aula dunha escola. Ao centro de día vénse a facer de todo, traballar física, emocional e cognitivamente cos nosos maiores e, por suposto, adicarlle o tempo preciso para o seu descanso e tamén esparcimento. E o que si non lle faltan son os mimos de todo o equipo" sinala, non sen recordar os momentos duros que tamén lle tocou vivir, a ela e ao seu equipo, cando algún dos usuarios acaba abandonando o centro, algún xa para nunca máis volver: "Bótanse de menos, porque todos, sen distinción, se fan querer. Temos tido algún falecemento, e todos nos teñen doío moitísimo, porque quedas coa sensación de que se che acaba indo alguén da familia", asegura. 

Os familiares acaban obtendo do noso traballo a seguridade de que os seus anciáns están nas mellores mans e recoñecendo, aínda que resulte inmodesto, que a súa situación anímica, física e cognitiva mellora co tempo

Ferreiro Fernández quere tamén aproveitar para enviarlle unha mensaxe ás familias dos usuarios de Raiola. Non agocha que hai algunhas ás que lle custa adaptarse á nova realidade de deixar ao seu benquerido ancián nas mans de Raiola: "Están os que teñen medo de deixalos sós ou pensar que como eles os tratan non chegaremos a tratalos nós, logo acaban dándose conta de que si eramos capaces; e tamén están os que son capaces de entender que un centro de día é a mellor opción para o envellecemento activo dos nosos maiores. En xeral, os familiares acaban obtendo do noso traballo a seguridade de que os seus anciáns están nas mellores mans e recoñecendo, aínda que resulte inmodesto, que a súa situación anímica, física e cognitiva mellora co tempo", sinala Chelo Ferreiro, e convida a todos aqueles que teñen aínda o convencimento de que "como trato eu á miña avóa non a van a tratar os de fora, a que proben. Podo entender -continúa- que somos moi reacios aos cambios, e temos o equivocado concepto de que somos capaces de darlle o mellor aos nosos anciáns, cando os nosos anciáns o único que reclaman de nós é afecto. Todo o demais debería quedar nas mans dos profesionais dun centro de día, porque só nestas institucións se traballa de xeito específico co maior e non só de xeito individual, senón tamén colectivo, algo importantísimo e moi beneficioso para eles, como o é que volvan a socializar e a empatizar cos seus coetáneos. Eu son enfermeira, levo anos tratando con xente maior, traballando en programas específicos de axuda para eles antes de enrolarme neste proxecto, e non teño a máis mínima dúbida de que de precisaren apoio meus pais, optaría por levalos a un centro de día no que os tratasen como Raiola trata aos seus usuarios". 

Festa nas súas redes sociais... polo de agora

O pasado día 8, toda a familia de Raiola, aínda que na distancia, festexaron o seu primeiro ano de vida, e fixérono dende a súa páxina de Facebook, subindo mensaxes, con brindis engadidos, de todos os seus membros do equipo. Chelo Ferreiro foi a última en aparecer e deixou o seu vídeo que Diario do Támega recupera para darlle remate a esta información. 

Medio cento de familias confiaron os seus maiores a Raiola, que alcanzou nun ano o 66...