A Área Sanitaria de Ourense atendeu a súa petición e cederalle test de dobre banda para o cribado dos usuarios

O centro de día de Verín realizaralle probas de coronavirus a todos os seus maiores e traballadores

Pola enfermería do centro de día de Verín pasarán nas vindeiras horas todos os seus usuarios e traballadores, para realizar as probas serolóxicas do virus.

Todos os usuarios e traballadores de Raiola, o centro de día para maiores de Verín, someteranse nas vindeiras horas a un cribado completo grazas á colaboración da Área Sanitaria de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras, que doou medio cento de test de dobre banda para realizar as probas serolóxicas do virus a maiores e persoal. 

O xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras, Félix Rubial, atendeu de xeito inmediato a petición formulada pola directora do centro de día para maiores de Verín, Chelo Ferreiro, e doou máis de medio cento de test de dobre banda para que dende hoxe se comecen a realizar as probas do coronavirus a todos os seus usuarios e traballadores. 

Como así confirmaron dende Raiola, o centro de día de Verín, os test comezarán "este martes e contamos en poder telos rematados ao final da xornada. É unha medida máis que só pretende ofrecerlle unha maior seguridade ás familias dos nosos usuarios dada a situación que se está a vivir no municipio de Verín", di a súa responsable, a enfermeira Chelo Ferreiro.

A intención da dirección de Raiola é manter a periodicidade das probas no tempo, "ata que polo menos Verín abandone a situación epidemiolóxica que presenta, e espero seguir contando coa colaboración da Xerencia, á que lle agradezo de xeito expreso a inmediata e boa disposición que amosou para co centro de día que dirixo", asegurou a súa responsable, Chelo Ferreiro

As evidencias estanmos demostrando que o que determina se un lugar é seguro ou non non é o tempo que os maiores pasan dentro del senón como se xestiona e como se aplican os protocolos de seguridade, algo que en Raiola sempre tivemos moi claro, por iso nos mantemos inflexibles en canto á estrita aplicación dos mesmos en todo momento (Chelo Ferreiro, directora do centro de día para maiores de Verín)


A enfermeira Chelo Ferreiro, directora de Raiola, o centro de día para maiores de Verín.

Estritos protocolos de seguridade para os usuarios

"As evidencias estanmos demostrando que o que determina se un lugar é seguro ou non non é o tempo que os maiores pasan dentro del senón como se xestiona e como se aplican os protocolos de seguridade, algo que en Raiola sempre tivemos moi claro, por iso nos mantemos inflexibles en canto á estrita aplicación dos mesmos en todo momento", apunta Chelo Ferreiro, quen remata enviando unha mensaxe ás familias dos seus maiores "para que sigan colaborando do xeito que o están a facer connosco e manteñan o cumprimento das medidas que para as súas casas lles solicitamos co único fin de preservar a saúde dos nosos maiores e así Raiola siga sendo un centro de día modelo e con taxa cero de contaxios", finalizou.