sábado 23/01/21
Realizará un cribado con test o vindeiro sete e un con PCR o luns día 11 en colaboración coa Xerencia da Área

O centro de día de Verín non abrirá ata o xoves para descartar posibles positivos dos seus usuarios tralas festas de Nadal

Raiola manterá as portas pechadas do centro de día ata o vindeiro xoves, no que se realizará un cribado con test de dobre banda a todos os usuarios e persoal. O luns día 11, a Xerencia da Área Sanitaria levará a cabo PCR aos maiores e traballadoras, para confirmar que as instalacións volven á actividade libres da covid - 19.

As PCR en Raiola realizaranse o vindeiro día 11; os usuarios someteranse a un cribado con test de dobre banda este xoves.
As PCR en Raiola realizaranse o vindeiro día 11; os usuarios someteranse a un cribado con test de dobre banda este xoves.

A dirección do centro de día para maiores de Verín manterá as instalacións pechadas ata o vindeiro xoves día 7 de xaneiro, no que se realizará un novo cribado con test de dobre banda a todos os seus usuarios e traballadoras. Ademais, a Xerencia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras confirmou tamén que realizará un test con PCR a todos os maiores e persoal dende as 10:00 horas do vindeiro luns día 11 de xaneiro. 

Dende Raiola explican que a situación epidemiolóxica que está a vivir Verín "obríganos a tomar todas as precaucións posibles para descartar calquer positivo entre os nosos usuarios e garantir que logo das festas todos chegan libres da covid", sinala o seu director de comunicación Iván Olmos

A decisión, explica Olmos, tomouse este domingo despois de que "coñeceramos que unha das nosas usuarias é contacto estreito dun positivo na covid - 19. Contactamos de xeito inmediato coa Xerencia da Área Sanitaria para levar a cabo os dous novos cribados, un o vindeiro xoves antes de que cada usuario acceda ás nosas instalacións, e outro de confirmación e por PCR no centro o luns día 11", apuntan dende Raiola. Ademais, prosigue o director de comunicación, "chamamos a todas as familias e lles comentamos a posibilidade de que os usuarios non reanudasen a actividade no centro de día ata que non tiveramos a opción de poder realizar o cribado, familiares que nos responderon de xeito afirmativo todos entendendo que era o mellor para os seus maiores", asegura Olmos Ferreiro

Petición para que o Sergas vacine "canto antes" tamén nos centros de día

Iván Olmos tamén confirmou que a dirección de Raiola vén de solicitar de xeito formal e expreso á Xerencia da Área "que se nos priorice no proceso de vacinación, xa que os nosos maiores, á diferencia dos que ocupan prazas en residencias, teñen un risco máis elevado porque manteñen contacto co exterior, non coma nos mencionados complexos asistenciais, onde están limitadas as visitas. E, moito máis importante, que se nos informe de cando se vai a levar a cabo o proceso de vacinación", puntualizou. 

Chamamento á responsabilidade colectiva

Dende o centro de día para maiores de Verín agradecen "a excelente disposición das familias dos usuarios e das traballadoras do centro" e fan un especial chamamento, "de xeito imperioso, á responsabilidade de toda a cidadanía de Verín, sexan ou non familiares ou contactos directos dos nosos usuarios. A responsabilidade individual é garante de seguridade colectiva e saúde pública", concluíu Iván Olmos

O centro de día de Verín non abrirá ata o xoves para descartar posibles positivos dos...
comentarios