Xoves. 28.03.2024
A capela de San Antón, esta mesma mañá, co escenario xa preparado. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.
A capela de San Antón, esta mesma mañá, co escenario xa preparado. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

A festividade de San Antón, na localidade de Ábedes (Verín), tivo sempre unha significación moi especial para todos os verinenses, non só por tratarse da primeira das xornadas festivas no calendario laboral e escolar do ano logo das celebracións de Nadal, senón tamén porque supón un dos primeiros días nos que as chocas do Entroido comezan a soar con moita máis forza. Ademais, e non menos importante, supón un perfecto test de calidade alimentaria para os chourizos que acaban de chegar ao seu punto óptimo logo das matanzas do mes de decembro, que volverán a ter un sempre indiscutible protagonismo nos cocidos entroideiros. 

Centos de romeiros preparan, dende esta tarde, todo o operativo, que vai dende o menos sofisticado -chourizos, pan, viño e algún espeto- ata carpas provistas de moitas ganas de festa, pero tamén de cabrito, churrasco ou panceta; algunhas de moi dignísimo deseño e nas que protexerse da chuvia, que ten un 20 por cento de probabilidade de facer tamén acto de presenza polo monte de Ábedes.

PROCESIÓN, MISA E BENDICIÓN DE MASCOTAS

Dende primeira hora da mañá -porque hai algúns que apuran tanto a festividade que se presentan ao pé da capela xa de véspera-, estará dispoñible, como vén sendo habitual, un camión de leña cedida polo Concello de Verín. Dende ese momento, e repartindoa de xeito sensato ata que se acabe -que sempre ocorre-, quedará inaugurada a xornada festiva, á que se engadirán os oficios relixiosos. Se as previsións de choiva non se acaban cumprindo, está previsto que a procesión saia dende a igrexa parroquial de Ábedes ás 12:30 horas camiño da capela, onde terá lugar a misa solemne conmemorativa da festividade San Antón, patrón dos animais, cara a unha do mediodía. Terminada a cerimonia eucarística, será o tempo da bendición das mascotas, que será si ou si aínda que chova. A banda de gaitas do Concello de Verín amenizará as horas centrais da mañá. 

Sentido único de circulación na festividade de San Antón.Como vén sendo habitual, haberá sentidos únicos da circulación para evitar embotellamentos. | GRÁFICO: PROTECCIÓN CIVIL DE VERÍN. 

POSTO SANITARIO DOS VOLUNTARIOS DE PROTECCIÓN CIVIL

Non faltarán os convidados que sempre están nestas celebracións, os membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Concello de Verín, que terán instalado un posto sanitario por se se dera algunha incidencia. Son eles quen recomendan prudencia ao coller o coche no momento da volta á casa. Como xa vén sendo habitual, a rúa San Antón terá un único sentido de circulación cara a capela. A estrada que transcorre dende esta ata a rotonda da rúa Canella Cega terá tamén sentido único Verín.  

Centos de romeiros preparan o macuto con chourizo, pan e viño camiño do monte de San...